Álvaro Goyanes repite entre o persoal investigador máis relevante para Web of Science
O profesor da Facultade de Farmacia Álvaro Goyanes é o único investigador da USC recollido no Highly Cited Researchers 2023. A máis recente listaxe que elabora anualmente o grupo Web of Science recoñece o persoal investigador que demostrou un influxo significante a través da publicación de múltiples artigos, altamente citados, na última década. A listaxe deste ano inclúe un total de 6.849 investigadores e investigadoras.
Na análise 2023 do Highly Cited Researchers, os artigos tomados en consideración foron os publicados e citados entre 2012 e 2022 e que logo se situaron no 1% dos máis citados dentro do seu eido. En total, avaliáronse 188.500 artigos.
Currículo
Álvaro Goyanes traballa no eido da impresión 3D de medicamentos con doses personalizadas e é co-fundador e anterior CEO da start up FABRX, a primeira compañía dedicada á impresión 3D de medicamentos personalizados. Tamén é co-fundador de FABRX Artificial Intelligence, empresa galega dedicada ao uso da intelixencia artificial no desenvolvemento de medicamentos. Tamén publicou máis de 90 artigos e é un recoñecido experto mundial neste tipo de impresión con máis de 200 comunicacións a conferencias internacionais. Goyanes foi un dos primeiros investigadores en avaliar as oportunidades da impresión 3D utilizando novas tecnoloxías para fabricar formas de dosificación oral. Alén de impartir clase na USC, Goyanes é profesor honorario na School of Pharmacy da University College London no Reino Unido.