Ir o contido principal

Ana Gude cre que en Dereito a investigación “debe seguir sendo un motor fundamental na nosa actividade”

A profesora Ana María Gude Fernández. FOTO: Santi Alvite
A profesora Ana María Gude Fernández. FOTO: Santi Alvite
A profesora tomou posesión do seu cargo como decana do centro tras resultar reelixida nas eleccións que tiveron lugar no mes de novembro

“Os nosos retos máis inmediatos para os próximos anos, como non podería ser doutro xeito, céntranse no ámbito da docencia e investigación, dous conceptos que se han concibir indisolublemente unidos”. Con esta declaración de intencións iniciou a profesora Ana María Gude Fernández o seu discurso no acto de toma de posesión como decana da Facultade de Dereito, tras ser reelixida para o cargo en novembro. A investigación, asegurou “debe seguir sendo un motor fundamental na nosa actividade porque xera coñecemento, e ese coñecemento proxectámolo cara a dentro, cara aos nosos estudantes como docentes, e cara a fóra, cara á sociedade a través da transferencia do coñecemento”. Nun acto presidido polo reitor da USC Antonio López e ao que tamén asistiu a secretaria xeral da USC Dulce María García Mella, a decana asegurou que defenderá “os intereses do centro con responsabilidade, humildade, compromiso, valentía e rigor e que poñerei todo o meu esforzo niso”.

Na súa intervención, o reitor Antonio López coincidiu na prioridade dos retos formulados pola decana por consideralos globais do conxunto da Universidade. Neste senso, sinalou a necesidade de garantir o axeitado relevo xeracional do cadro docente universitario e subliñou que é preciso incentivar a carreira universitaria asociada á existencia de oportunidades reais para desenvolvela logo do período de doutoramento. Tamén lembrou que o centro traballa na revisión do plan de estudos do grao, un proceso “sempre necesario”, xa que é a forma de atender de maneira axeitada as necesidades da sociedade e as novas demandas, para así achegar solucións axustadas a través da formación regrada e a continua.

Así mesmo, puxo especial atención á transferencia de coñecemento ao servizo da sociedade. As Ciencias Sociais, e particularmente o Dereito, teñen múltiples capacidades a disposición do sector público e privado e por extensión ao servizo da sociedade porque logo da aposta pola investigación esta “ten a posibilidade de mellorar as condicións de vida da sociedade” a través da transferencia do coñecemento. Rematou a súa intervención lembrando a figura de Luisa Cuesta Gutiérrez, que se converteu hai cen anos na primeira muller docente da USC tras ser nomeada en 1924 profesora auxiliar.

A decana manifestou o seu desexo de “traballar para erradicar definitivamente a idea de que o que se ensina ou investiga na Universidade está afastado ou desvinculado do que necesita a sociedade”. Ademais, considerou que “a Facultade de Dereito da USC debe seguir posicionada nos primeiros postos entre as mellores de España. É o momento de reflexionar como se pode ampliar a nosa oferta de graos e posgraos para seguir sendo un centro de referencia ao que os estudantes queren vir formarse e continuar o seu desenvolvemento instrutivo. Analizar con calma se o que ofertamos é atractivo, razoable e, sobre todo, demandado pola sociedade”.

Tamén indicou que “internacionalizar a Facultade de Dereito debe ser outra prioridade e con esa finalidade levaremos a cabo unha estratexia que implique todos os estamentos e sectores do noso Centro e que incentive a creación de vínculos con outras facultades e universidades de prestixio”.

O equipo decanal de Ana María Gude Fernández complétano Natalia Pérez, Vicente Antonio Sanjurjo e Francisco Javier Framiñán Santas.

Traxectoria
Ana Gude Fernández é profesora titular de Dereito constitucional da USC. Tivo responsabilidades en tarefas de xestión na Facultade de Dereito como vicedecana de Organización Académica, secretaria e directora do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado. Imparte docencia das materias Dereito Constitucional. Principios estruturais do Estado, Órganos do Estado Democrático e dereitos constitucionais e liberdades públicas. No campo da investigación, forma parte do grupo de Dereito e Cidadanía co que participou en numerosos proxectos de investigación. Realizou diversas estadías de investigación no Instituto de Dereito público da Universidade de Friburgo (Alemaña). A súa liña de traballo céntrase principalmente no ámbito do dereito parlamentario e os dereitos fundamentais no que é autora de libros e outras publicacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2024.