Ir o contido principal

A análise da incidencia dun ben patrimonial como a muralla de Lugo na paisaxe urbana, centra un curso en Humanidades

Cartaz da programación da Universidade de Verán 2015 da USC
Cartaz da programación da Universidade de Verán 2015 da USC

O estudo, a análise e interpretación dun ben patrimonial tan rico e complexo como é a muralla de Lugo, aínda que moi pouco coñecido, especialmente no que se refire a algúns períodos da súa historia, como a época medieval, moderna ou incluso contemporánea, tanto por parte dos nosos alumnos como dos propios lucenses, en xeral, centra a temática dun curso de verán da USC que se desenvolverá do 22 ao 24 de xuño na Facultade de Humanidades do campus de Lugo. O prazo de matrícula neste seminario formativa incluído na programación da Universidade de Verán 2015 da USC remata o vindeiro 12 de xuño.

Dirixido polos profesores do Departamento de Historia da Arte da USC Juan M. Monterroso Montero e Ana Goy Diz, o curso ‘Entre murallas: paisaxe urbana e cidade’, ofrece unha serie de relatorios e actividades complementarias que, dende unha perspectiva interdisciplinar, afondan na singularidade desta realidade, na procura dun compromiso da sociedade para a conservación do seu Patrimonio.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo da USC, Carme Silva Domínguez, e a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, serán as encargadas de abrir a quenda de intervencións dun foro no que se abordarán, entre outras cuestións, a estatuaria romano-indíxena da Gallaecia, a cidade de Lugo na época altomedieval ou a pegada franciscana. A catedral de Lugo e as súas capelas, así como o Museo Provincial de Lugo serán outras das cuestións abordadas no marco deste programa de formación estival da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2015.