Analizan a seguridade no eido da ciencia e tecnoloxía co horizonte 2050

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría acolle este xoves 3 a xornada ‘A seguridade no Horizonte 2050: visión desde a ciencia e a tecnoloxía’, que dirixen os docentes da USC Pastora Bello e José Julio Fernández.
A xornada dará comezo ás 9.00 horas coas intervencións do profesor Fernández, de Juan Carlos Sancha, do Instituto Español de Estudos Estratéxicos; e de Antonio Mosquera, da ETSE.
A continuación, o profesor de Física da USC Luis M. Varela Cabo falará das tendencias de fusión e fisión nucleares, baterías de litio e células de combustible, para seguir con materiais para a enerxía co horizonte no 2050 a cargo de Álvaro Gil, do Instituto de Cerámica de Galicia. A seguridade natural no que se refire a materias primas e as biorrefinerías serán os temas a tratar polos especialistas Francisco Guitián e Julia González, respectivamente.
A sesión proseguirá coa sustentabilidade dos sistemas agroforestais e as toxinas mariñas desde a perspectiva da seguridade alimentaria e da bioseguridade e o cambio climático da man de José A. Rodríguez Añón, Natalia Vilariño e Luis Botana.
O internet das cousas, por Víctor Manuel Brea, e a ciberseguridade, por Fernando Suárez, serán as charlas coas que remate a xornada.