Ir o contido principal

Andrés Osoro, novo presidente da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais

Andrés Osoro Corsino, na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo
Andrés Osoro Corsino, na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo
A candidatura liderada polo alumno de dobre grao na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC demanda un maior recoñecemento da titulacións habilitantes no ámbito das enxeñarías e defende contidos formativos con máis enfoque práctico e aplicado
Lugo

O recoñecemento das titulacións habilitantes no ámbito das enxeñarías fronte aos títulos que carecen de competencias profesionais determinadas e a progresiva orientación práctica e aplicada dos contidos formativos que cursa o alumnado universitario matriculado en enxeñarías agroforestais centran as principais reivindicacións da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF), un colectivo estudantil que dá cabida a todas as escolas de agrícolas e forestais de España e que vén de elixir como novo presidente ao alumno de dobre grao na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo Andrés Osoro Corsino.

A candidatura liderada por este estudante asturiano que cursa Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural no Campus Terra da USC aspira a poñer en valor as competencias profesionais e laborais legalmente atribuídas a estas enxeñarías fronte a “outras titulacións con denominacións potencialmente máis atractivas”, a fin de espertar o interese da mocidade preuniversitaria cara a uns itinerarios formativos que están a experimentar unha progresiva perda de alumnado.

O labor de divulgación dos estudos agroforestais, así como da súa pertinencia e das súas competencias profesionais, constitúen, na opinión de Osoro Corsino, un cometido necesario para espertar novas vocacións entre o alumnado de Bacharelato e ensino secundario. A promoción de charla e sesións informativas en institutos e centros educativos de toda España baixo a coordinación dos centros das 14 universidades españolas que nas que se imparten estudos agronómicos e forestais é outra das ideas que baralla a nova directiva da SEIAF para aumentar a matrícula nestes títulos de grao.

Alén da captación de futuros estudantes, a mellora e a constante actualización de coñecementos dos profesionais en formación ou xa titulados constitúe outro dos obxectivos fixados desde a SEIAF, que solicita ás distintas administracións implicadas, así como ás propias universidades, a avanzar cara o deseño e a implantación dunha metodoloxía máis práctica e adaptada á casuística e ás problemáticas reais que presentan os sectores agrario e o forestal.

A elección de Andrés Osoro Corsino como presidente da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF) reforza se cabe a pegada do Campus Terra da USC no contexto dun órgano estudantil estatal no que a presenza de alumnado da EPS de Enxeñaría xa conta cunha dilatada tradición, incluso en cargos de dirección. Aínda así, relata Osoro Corsino, as aspiracións da SEIAF seguen a verse condicionadas por algunhas problemáticas no plano interno, tal e como son a finalización do desenvolvemento dun regulamento interno ou a limitación de recursos económicos cos que financiar obradoiros, charlas ou calquera outro tipo de programa formativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2022.