Un ano máis, o selo USC Editora renova a súa certificación de calidade
Tras doce anos dende a primeira certificación, o selo USC Editora, unha marca editorial propia dentro de Edicións USC, vén de renovar a súa certificación segundo a norma ISO 9001:2015 de sistemas de xestión da calidade. Dende 2014, ano de creación do selo, foron editados cincuenta títulos, estando prevista para 2026 a edición de, cando menos, oito títulos máis.
A norma ISO 9001, fundamentalmente orientada a procesos, atende criterios como a consecución de obxectivos de calidade; accións de mellora e indicadores de calidade; o cumprimento de plans de formación do persoal; o deseño dunha rigorosa análise de debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades (DAFO); a identificación puntual de partes interesadas, riscos e oportunidades, etc. O informe da última auditoría de AENOR salienta, ademais, como puntos fortes do sistema o uso de ferramentas informáticas de última xeración para a xestión editorial integral na nube (Open Monograph Press, OMP) e os excelentes resultados das enquisas de satisfacción, que implican a autores, avaliadores e distribuidores.
Para o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, «un ano máis, grazas a un equipo animado por un espírito de mellora continua, os resultados das auditorías confirman que a editora universitaria cumpre cos máis esixentes criterios de valoración da calidade académica. É significativa neste sentido —apunta Banco Valdés— a opinión que explicitamente manifesta un dos nosos avaliadores externos: “O traballo que fai a USC na produción de libros é excelente e os protocolos de avaliación serven para melloralos”».
USC Editora é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a nove series editoriais (Académica, Clave, Ensaio, Manuais, Textos, Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Verba Anexos, Lucus Lingua e Lucus Littera) sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de 23 editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. USC Editora garante o nivel das obras que se editan baixo a súa marca e constitúe un compromiso de prestixio, recoñecemento e calidade editorial.