Artistas contemporáneos ofrecen na Igrexa da Universidade a súa particular visión sobre o territorio
Un retorno á paisaxe dende a ollada contemporánea de varios artistas sobre o territorio. Miradas diverxentes sobre a natureza, o urbano, o real e o artificio. Iso é o que evoca a exposición ‘En (re)torno á paisaxe. Doce olladas contemporáneas sobre o(s) territorio(s)’ que este xoves se inaugura ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade nun acto no que participan a adxunta á vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Carmen Segura; a comisaria de exposición, Paula Cabaleiro, e a concelleira de Cultura de Santiago, María Antón. A mostra recolle diferentes maneiras de achegarse a un dos xéneros ‘clásicos’ da historia da arte dende a arte contemporánea, a paisaxe. Doce artistas ensinan a súa particular visión do territorio a través de vídeo, fotografía, pintura, escultura, debuxo e instalacións. “Un diálogo dos autores cun público –explica Paula Cabaleiro– que seguro vai atopar vínculos emocionais con cada unha das súas obras”. Carla Andrade amosa en fotografías o baleiro como materia dúctil para construír a paisaxe; mentres que o individuo contempla quedo o movemento dunha paisaxe cambiante na obra de Lois Patiño. En Vari Caramés ollamos a viaxe, o paseo e o relato que provoca o recordo dunha escena. A paisaxe percorrida tamén é o miolo da obra de Pamen Pereira, que impregna con fume o papel para debuxar nunha cartografía emocional a paisaxe vivida na Antártida. O lucense Iago Eireos propón unha instalación con pranchas de aceiro onde a paisaxe é sonora. Sobre unha escada de madeira Carme Nogueira relata a memoria social do lugar ante o lago de Lietzensee, mentres que Manuel Sendón pon o seu obxectivo fotográfico sobre a irracionalidade construtiva galega froito do estalido da crise económica e da burbulla inmobiliaria. Unha visión crítica cara a degradación da nosa natureza é reflectida pola instalación site-specific de Ruth Montiel Arias, que toma como xerme o fenómeno dos chemtrails (estelas de gases químicos). Tamén realizada ex profeso para Igrexa, Sara Coleman propón unha instalación téxtil que emerxe dun ceo nocturno en forma de cúpula invertida, nunha amalgama de fíos reflectantes que debuxan un cumio incandescente. Ata 50 insectos amoréanse na obra de Elena Fernández Prada, que presenta unha compilación natural que lembra os antigos tratados científicos. Xa desafiando a gravidade, unha "pedra do país" sostense sobre unha pequena táboa na obra de Jorge Perianes, onde a súa sombra perfila o territorio vertical que ocupa unha casiña de madeira. Pola súa banda, Sheila Pazos deseña unha paisaxe portátil na súa última colección de moda inspirada na súa Suíza natal. ‘En (re)torno á paisaxe’ poderase visitar ata o 31 de maio de luns a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Logo da súa estancia en Santiago a mostra exporase no Museo Arqueolóxico de Cacabelos (León) e no Museo de Pontevedra. A comisaria da mostra, Paula Cabaleiro, conversa con Pablo Sampedro e Mercedes Rosón, responsables de Cultura da USC (Foto: Santi Alvite)