A Asociación Interuniversitaria de Estudantes de Relacións Laborais ve “imprescindible” a profesión na sociedade actual

O LII Congreso da Asociación Interuniveritaria de Estudantes de Relacións Laborais, Recursos Humanos e Graduados Sociais (Aerelabo) botou a andar este xoves na Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo cunha reivindicación do importante cometido profesional que desenvolven na actualidade os titulados universitarios en Relacións Laborais, Graduado Social e Recursos Humanos, logo de considerar que se trata de “profesións imprescindibles” na sociedade actual.
A importancia da xestión dos recursos humanos e da conseguinte elección dos mellores perfís para o desenvolvemento de cada tarefas profesionais, así como a creación e fomento de climas laborais agradables e propicios para a convivencia foron dous dos argumentos esgrimidos na apertura deste congreso, un acto no que o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, salientou o “dinamismo” que está a amosar a Escola de Relacións Laborais do campus de Lugo na súa procura de captar máis estudantado. As sesións programadas no marco deste simposio de carácter itinerante polas distintas universidades españolas comezarán este xoves, a partir das 9.15 horas, no salón de actos da Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo, cun acto oficial de inauguración presidido polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema. A directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo, Mercedes Montes Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o deputado provincial delegado da área TIC, Pablo Rivera; o presidente de Aerelabo, Guillermo Jáñez Cuervo, e o presidente do comité organizador do congreso, Fernando González López, tamén interviñeron na sesión inaugural deste simposio, un formo monográfico que se desenvolve por primeira vez no campus de Lugo e que leva por título ‘O talento, o noso futuro’. A xestión da empresa en Estados Unidos e Xapón e a súa influencia na xestión dos recursos humanos, unha temática sobre a que falaron Ted Marhsall e Francisco Maseda Muiño, centrou o relatorio de apertura deste foro. A remate desta sesión, Gabriel Táuriz, consultor de recursos humanos do grupo Arestora, ofreceu unha charla co título ‘A avaliación do desempeño e a satisfacción persoal’. A quenda de relatorios da primeira xornada deste congreso continuou en quenda de tarde coas intervencións de Silvana Longueira, coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, quen falou da responsabilidade social universitaria, e de Mar Castro, consultora e formada da Universidade Vigo, quen tratou o tema da comunicación offline-online. O programa do congreso da Asociación Interuniveritaria de Estudantes de Relacións Laborais, Recursos Humanos e Graduados Sociais (Aerelabo) continuará mañá e o sábado no salón de actos do Complexo Docente do campus de Lugo, onde se desenvolverán diversos relatorios e demais actividades programadas. Participantes no congreso