Ir o contido principal

Ata o 11 de febreiro é posible inscribirse no Campionato 3x3 USC-Obradoiro

Imaxe de arquivo dun partido de baloncesto na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun partido de baloncesto na USC. FOTO: Santi Alvite
A competición desenvolverase o vindeiro día 17 deste mes no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

A Pista central do Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 17 de febreiro, a partir das 16.00 horas, o Campionato 3x3 USC-Obradoiro, para o que xa é posible inscribirse de balde a través dun formulario electrónico ata o día 11 deste mes. Esta competición na que poden participar 16 equipos por categoría (masculina e feminina), diríxese ao conxunto da comunidade universitaria da USC. Os grupos teñen que ter entre tres e cinco integrantes.

Para poder inscribirse, todas as persoas participantes deberán rexistrarse primeiro como persoa usuaria da Área Deportiva da USC. Quen exerza a capitanía responsabilizarase da tramitación en liña da inscrición do equipo e, dende a aplicación da USC, enviará unha invitación ao correo electrónico do resto de compoñentes que terán que inscribirse mediante a ligazón enviada. No caso de non ter equipo, é posible inscribirse na bolsa de persoas xogadoras. Ademais, unha vez rexistrados equipo e integrantes, poderase proceder á inscrición no Campionato de Triplas, a razón dunha única persoa por grupo.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2025.