A Aula de Teatro da USC pecha o seu curso con dúas novas representacións en Santiago da súa última estrea

A obra da Aula de Teatro da USC Observacións sobre a felicidade (Composición e manexo) pechará o seu programa de representacións deste curso con dúas novas funcións este mércores 10 e o xoves 11. En ambos os dous casos a posta en escena arrancará ás 21.00 horas na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño. As entradas poderanse retirar dende as 20.30 horas.
O proxecto máis recente da Aula de Teatro da USC estreouse no mes de decembro e transitou por diferentes encontros como o XXVII Festival Internacional Universitario celebrado en Compostela ou o XX Encontro Internacional de Teatro Universitario de Granada. A partir de textos de Aira Portos, Laura López e do seu director Roberto Salgueiro, a peza tece unha posta en escena que busca movernos a reflexionar sobre a felicidade. Ademais, foi recoñecida co premio do xurado ao mellor espectáculo no vixésimo sétimo Ciclo Universitario da Beira Interior (Portugal), a máis lonxeva mostra teatral portuguesa.
“Falar da felicidade é falar de ciencia. A felicidade non é un asunto relativo ao espírito ou ao intanxible: é unha cuestión científica”, afírmase nun fragmento da peza teatral. “A felicidade é unha cuestión de neurotransmisores, que son as biomoléculas que transmiten información entre neuronas; ou desde unha neurona ata as glándulas ou as células do noso organismo”, continúa un dos parlamentos que integran esta obra de 50 minutos de duración e na que hai cabida para a diverxencia de puntos de vista. “O que ti digas. Pero a felicidade non é un asunto medible ou pesable. Non é algo verificable, suxeito ao esquema proba erro”, engádese en resposta ao argumento da felicidade como asunto científico.
Bárbara María Domínguez, Laura López Esteban, Aira Portos Rey, Laura Codesido Mella e Breixo Barreiro Mira compoñen o elenco de intérpretes, mentres que Ximena Torrón Núñez se encarga da asistencia de dirección.