Ir o contido principal

Autores e representantes do sector editorial analizan nun curso de formación continua a poesía infantil no século XXI

A directora, a profesora Blanca Ana Roig, xunto a Francisco Cidrás e Pedro Lucas (d)
A directora, a profesora Blanca Ana Roig, xunto a Francisco Cidrás e Pedro Lucas (d)

Un ano máis, a Rede temática de Literatura infantil e xuvenil da USC e, este ano, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística poñen en marcha o VI Curso de formación continua ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora’ no que se tratará a poesía infantil no século XXI.
A parte presencial do curso iniciouse este luns 7 na sede da Biblioteca Fundación Caixa Galicia (Frei Rosendo Salvado, 14-16) e rematará o próximo día 10. Na inauguración participaron o director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás; a directora do curso, Blanca Ana Roig; e o director da Biblioteca da Fundación, Pedro Lucas. Deseguido presentouse un informe sobre docencia e investigación na literatura infantil e xuvenil. A sesión da mañá completouse cun taller de poesía a cargo do escritor Antonio García Teijeiro que, xunto con Ana María Fernández, participou nun encontro literario cos asistentes.
Na tarde do luns, a partir das 16:30 horas, celébrase un recital poético musical de autores do marco ibérico, para rematar ás 19:00 horas cun encontro co poeta vasco Juan Kruz Igerabide e o portugués Joao Pedro Mésseder.
Xa o martes 8 o programa comezará ás 9:30 horas cunha mesa sobre a poesía de transmisión oral da man de Antón Cortizas, Manuel Rico e David Otero. Seguiralles a exposición dos resultados do proxecto ‘Contos en cantos’ no que se mesturan literatura e música. Xa pola tarde, dende as 16:30 horas, a sesión centrarase nos recursos poéticos, avaliando as posibilidades da poesía e a música na aula. Para rematar a xornada celebrarase un taller sobre PoeMAR, de poesía experimental.
No marco deste curso, que conta co apoio de diversas institucións e con máis de cen matriculados, terán lugar, ademais dos encontros e recitais, mesas e coloquios sobre a produción poética e a súa investigación, experiencias, talleres de regueifas, de poesía, de plástica, etc. Entre estas actividades tamén se atopa a presentación, o xoves ás 12:00 horas, do monográfico A poesía infantil no século XXI (2000-2008), que se publica co apoio da Fundación Caixa Galicia e Edicións Xerais de Galicia.
Reunión da LIJMIParalelo ao curso, os días 8 e 9 deste mes reunirase en Santiago, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP), a Rede Temática de Investigación ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIJMI) que coordina a profesora Blanca-Ana Roig, directora do proxecto ‘Informes de Literatura’ que anualmente dá noticia da produción e recepción de e sobre literatura galega, incluída a infantil e xuvenil.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2009.