Ir o contido principal

Azucena Mora tomou posesión da cadeira 21 de académica correspondente nacional da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

A profesora Mora durante o acto
A profesora Mora durante o acto
A catedrática de Microbioloxía da USC no Campus de Lugo abordou no seu discurso de ingreso o crecente problema da resistencia aos antibióticos dende un enfoque integral One Health

A profesora da USC Azucena Mora Gutiérrez tomou posesión da cadeira número 21 de académica correspondente nacional da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia este xoves 31, nun acto que se desenvolveu na Deputación Provincial de Lugo. A profesora Mora abordou no seu discurso de ingreso o crecente problema da resistencia aos antibióticos dende un enfoque integral One Health. Esta perspectiva conecta a saúde humana, animal e ambiental, subliñando a interdependencia entre estes ámbitos para enfrontar os desafíos globais da saúde. O discurso de contestación pronunciouno a académica de número Cristina Castillo Rodríguez. O acto contou coa participación do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga.

Na súa intervención, a profesora Mora destacou o recente compromiso político alcanzado na 79ª Asemblea Xeral da ONU para reducir as mortes por resistencia aos antimicrobianos nun 10% para 2030. Este acordo reflicte a urxencia de abordar esta ameaza como unha prioridade global, recoñecendo a importancia de accións conxuntas e coordinadas para limitar a propagación de bacterias multirresistentes. Así mesmo, resaltou os avances obtidos polo Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN), que sitúan a España como un dos Estados líderes na redución do consumo de antibióticos tanto en saúde animal como humana. “Estes logros demostran o impacto positivo das políticas enfocadas na redución do uso inadecuado de antimicrobianos”, sinalou a profesora Mora.

Como veterinaria, o traballo de Azucena Mora foi fundamental para comprender como as bacterias zoonósicas como E. coli, transmitidas entre animais e humanos, representan un risco significativo para a seguridade alimentaria. Neste senso, a catedrática de Microbioloxía da USC destacou a importancia de medidas alternativas ao uso de antibióticos, como as vacinas, que xogan un papel crucial na prevención de infeccións, reducindo así a necesidade de tratamentos antibióticos na produción animal e mellorando a saúde pública.

A profesora da Facultade de Veterinaria destacou a necesidade de seguir desenvolvendo ferramentas baseadas en xenómica e intelixencia artificial para anticipar a emerxencia de novas ameazas bacterianas e optimizar as estratexias terapéuticas. O evento serviu para poñer o foco na necesidade de facer fronte á pandemia silenciosa da resistencia aos antibióticos cunha visión integrada da saúde global baixo o enfoque One Health, xusto en vésperas do Día One Health, que se conmemora o próximo 3 de novembro, e da Semana de Concienciación sobre a Resistencia aos Antimicrobianos (18 ao 24 de novembro). 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.