Baloncesto, fútbol, voleibol e balonmán abren as competicións universitarias

Os XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos botan a andar este martes, a partir das 10.00 horas, en distintas instalacións deportivas na capital luguesa, nas que ao longo da xornada deste martes se desenvolverán as competicións baloncesto, fútbol e voleibol, nas modalidades masculina e feminina, e balonmán masculino.
A primeira xornada dos campionatos galegos universitarios de deportes colectivos, un evento promovido desde a USC e no que tomarán parte uns 600 estudantes das tres universidades galegas, contempla ata seis sedes diferentes. O pavillón do Seminario acollerá a competición de baloncesto feminino, mentres que a competición masculina se desenvolverá tamén en quenda de mañá no Pazo dos Deportes. O Pavillón Municipal e o polideportivo de O Palomar serán as sedes dos torneos feminino e masculino, respectivamente, de voleibol. Os campos municipais das Gándaras acollerán a competición masculina e femenina de fútbol e os equipos masculinos de balonmán disputarán este torneo nas instalacións da Casa dos Deporte.
Unha vez rematada esta primeira quenda de competicións, o reitor da USC, Antonio López, participará no acto de entrega de trofeos e medallas os integrantes dos equipos gañadores, no marco dun acto que se desenvolverá, a partir das 16.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria.
Xornada de clausura
Os XX Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos rematarán o mércores 8 de marzo no marco dunha xornada de clausura durante a que se celebrarán, a partir das 10.00 horas, as competicións de fútbol sala e rugby, nas modalidades masculina e feminina. Os partidos de rugby terán lugar no campo do Estadio Gregorio Pérez Rivera e a competición feminina de balonmán tamén se desenvolverá en quenda de mañá na pista da Casa do Deporte de Lugo.
