Ir o contido principal

A Biblioteca Intercentros abre ao público o centro de interese ‘Roma. Mirando o Imperio’ ata o 28 de xuño

Dopico e Cantalapiedra, na inauguración do centro de interese 'Roma. Mirando o Imperio'
Dopico e Cantalapiedra, na inauguración do centro de interese 'Roma. Mirando o Imperio'

A Biblioteca Intercentros do campus de Lugo da USC súmase aos actos organizados co gallo da celebración do Arde Lucus coa apertura dun centro de interese titulado ‘Roma. Mirando o Imperio’, conformado por preto de medio centenar de volumes de temáticas e autorías moi diversas. Esta exposición, que permanecerá aberta no vestíbulo da biblioteca do campus ata o 28 de xuño, pode consultarse tamén en Pinterest.

A directora da Biblioteca Intercentros da USC, Julia Cantalapiedra, e a profesora do Departamento de Historia Antiga da USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo Dolores Dopico Caínzos inauguraron este xoves este novo centro de interese, mo marco dun acto no que se resaltou a figura do xa finado catedrático de Historia Antiga da USC Xerardo Pereira Menaut como referente no estudo da historia antiga en Galicia. A temática arredor da que xira este centro de interese na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo ten especial relevancia pola fonda pegada do mundo romano na capital luguesa, así como pola inminente celebración do Arde Lucus. Ademais de salientar esta coincidencia de espacio e tempo, Julia Cantalapiedra salientou que, a través desta iniciativa, a Biblioteca Intercentros fai publicidade da recente incorporación aos seus fondos bibliográficos dunha colección especializada en historia do imperio romano, seleccionada durante anos polo profesor e investigador Xerardo Pereira Menaut. Esta colección está constituída por unhas 700 monografías escritas en diferentes idiomas e das que preto do 70% constitúen exemplares únicos na Biblioteca da USC. Na actualidade, na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo xa están dispoñibles para a súa consulta máis de 400 exemplares deste fondo herdado de Pereira Menaut na signatura HROMA, creada para colocar esta colección. A riqueza e a relevancia desta colección queda probada, segundo subliña Cantalapiedra, polos diferentes perfís temáticos que a constitúen, unha diversidade que se reflexa no centro de interese aberto, integrado por libros que tratan sobre urbanismo, dereito, alimentación, vida política e militar, epigrafía, agricultura... no imperio romano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2015.