Bolseiros SPIU traballan nos centros da USC para fomentar o compromiso da comunidade universitaria coa mellora ambiental
Os vinte e sete bolseiros da terceira convocatoria de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria están xa a desenvolver o seu labor de participación en actividades que durante todo o curso programa a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible e o Servizo de Participación e Integración Universitaria.
As primeiras tarefas céntranse na avaliación do estado dos centros docentes da USC dende o punto de vista da sostibilidade e no estudo dos hábitos de mobilidade da comunidade universitaria. Ademais, durante esta semana están a ter lugar reunións cos diferentes bolseiros e coordinadores organizadas pola coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación. A xuntanza celebrouse xa este mércores en Santiago, mentres que en Lugo terá lugar este venres 19 na Escola de Formación de Profesorado.
Ao longo deste curso os bolseiros participarán na promoción de prácticas, tanto no ámbito interno como externo do seu centro, que buscan fomentar o aforro de recursos (enerxía, auga, papel...), a reciclaxe, reutilización e minimización dos residuos, a mobilidade sostible ou a prevención do tabaquismo. Para desenvolver a súa tarefa cada bolseiro conta co asesoramento e supervisión do coordinador de Desenvolvemento Sostible do seu centro.
As Bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria son unha experiencia pioneira en España que xurdiu hai tres anos a iniciativa do Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación.