Bota a andar a vixésimo sexta edición do Premio Aresa de desenvolvemento rural
O Premio Aresa de desenvolvemento rural, convocado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e a empresa Aresa con carácter anual, chega xa á súa vixésimo sexta edición logo de que o reitor Antonio López Díaz e a presidenta da compañía Carlota López Pardo asinasen este mércores 26, no Pazo de Montenegro, o convenio que regula as bases do certame. A presentación das candidaturas, acompañadas dos traballos e outra documentación xustificativa, farase no rexistro electrónico da USC e nas Oficina de asistencia en materia de rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago, antes do día 16 de xaneiro de 2026. As candidaturas deben ir dirixidas á Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo. No acto de sinatura tamén estiveron presentes o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e o catedrático José Luis Benedito Castellote.
O Premio Aresa foi creado para favorecer o benestar das persoas que viven no mundo rural, co obxectivo de premiar aqueles proxectos que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego. O certame diríxese a empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outra entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega.
Para concorrer ao certame, é preciso presentar un traballo de investigación e desenvolvemento ou unha iniciativa empresarial innovadora nos ámbitos agrícola ou gandeiro, que se poderá encadrar en calquera dos seguintes tipos: proxecto de actividade empresarial, isto é, iniciativas empresariais que aínda estean en fase de proxecto pero que teñan definidas as súas liñas de actuación e de implantación no mercado; actividade empresarial innovadora, é dicir, iniciativas empresariais en calquera das súas fases de desenvolvemento, así como empresas xa consolidadas; ou traballos de I+D+i que serán orixinais e que teñan aplicación práctica nos sectores agrícola, gandeiro ou agroalimentario galegos, ou supoñer unha contribución notoria ao desenvolvemento rural. As candidaturas poderán ser propostas polos interesados, por institucións públicas ou privadas, ou por empresas. Todas elas deberán constar da documentación axeitada para valorar a proposta.
Criterios de valoración
Na análise das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren postos de traballo e valor engadido. Por isto, valorarase principalmente a viabilidade económica; a creación de postos de traballo, especialmente no rural; a posta en valor dos produtos da terra; os proxectos que supoñan a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais que teñan potencial de desenvolvemento; e a innovación de produtos ou métodos produtivos.
Palmarés
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), Moexmu (2023) e Traloagro (2024).