Buscan en Compostela aproveitar sinerxías entre as redes de traballo e estudo da Intelixencia Artificial

A Intelixencia Artificial (IA), no seu amplo espectro que inclúe desde algoritmos preditivos ata modelos xenerativos, está transformando mercados, negocios, institucións sociais e novas áreas académicas. Ademais, a irrupción da IA xera intensos debates xurídicos, éticos e políticos: desde os relativos á propiedade intelectual ata a protección da intimidade e o tráfico de datos personais, ámbitos nos que chocan innovación tecnolóxica, dereitos fundamentais e marcos regulatorios.
Neste contexto, o Instituto de Humanidades da USC (iHUS) e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico desenvolveron este martes no CEA unha xornada para poñer en común as redes de traballo e estudo da filosofía que existen sobre a IA. A xuntanza inaugurouna a vicerreitora de Titulacións, María José López Couso, e nela participaron a directora do iHUS, Laura Lojo, o decano da Facultade de Filosofía, Xavier Donato, e o vogal asesor na Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, Luis Cueto-Álvarez.
Rede Española de Filosofía da IA
Na xornada deuse a coñecer a recentemente creada Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial (reFIA), que coordina o propio Donato e que naceu con vocación interdisciplinar e transversal ao integrar máis de cen investigadoras e investigadores de todo o Estado interesados nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA. Deste xeito, reúne especialistas de múltiples disciplinas como filosofía, comunicación, educación, filoloxía, psicoloxía, dereito, antropoloxía e investigación tecnolóxica.
Como obxectivos principais, a rede proponse a promoción e difusión dos estudos filosóficos sobre IA desde distintas perspectivas, fomentando o diálogo intelectual e o intercambio do coñecemento, así como trasladar os seus debates e conclusións ao conxunto da sociedade española. Para a consecución destes retos organizará reunións científicas con especialistas de múltiples áreas de coñecemento e ten previsto presentarse ás convocatorias competitivas que teñan como obxectivo o financiamento de proxectos e grupos de investigación no ámbito de estudo.
Por outra banda, formúlase como cometido o impulso da transferencia do coñecemento filosófico sobre a IA cara á sociedade, ás institucións educativas, aos medios de comunicación, ao sector tecnolóxico e aos responsables políticos, “contribuíndo así a un debate público informado e a unha toma de decisións máis crítica e fundamentada", explican.
Baixo o amparo do iHUS que dirixe a catedrática Laura Lojo, a rede prepara para 2026 o I Congreso Nacional de Filosofía da Intelixencia Artificial, que congregará un centenar de investigadores e investigadoras internacionais para reflexionar sobre os retos e problemas asociados á IA, o seu papel nas humanidades, así como na configuración de futuros escenarios sociais e culturais.
Sinerxías entre iniciativas
Pola súa banda, a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do Ministerio explicou no encontro en Santiago as políticas públicas e as redes e proxectos de IA que están a apoiar e desenvolver, como por exemplo a iniciativa AI Assemble, concibida para explorar as implicacións da IA nun mundo rural e na sostibilidade territorial, as accións no campo da industria creativa dixital que afectan a produción cultural española ou distintos proxectos do programa Horizonte Europa.
