Buscan formar o profesorado de secundaria para promover a abordaxe crítica da información socio-científica

A área de Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da USC participa no proxecto europeo Erasmus+ Teachers Academy ‘SciLMi’ que busca proporcionar ao profesorado coñecementos, ferramentas e habilidades para promover competencias meta-científicas na aula necesarias para a abordaxe crítica da información socio-científica que circula nas redes.
O proxecto ‘Competencias Meta-científicas na Era da Des-información. SciLMi, (do inglés Meta-scientific Literacies in the Mis-Information Age. SciLMi) pretende formar nestas competencias ao profesorado en activo e en formación de distintas etapas educativas e disciplinas, coa fin de capacitar o estudantado para que actúe como cidadás e cidadáns democráticos responsables, competentes e eficaces ante o auxe da desinformación socio-científica. O proxecto conta como asesor científico co distinguido profesor e investigador en didáctica das ciencias experimentais e que participa no panel PISA 2025, Jonathan Osborne, e con profesorado e persoal investigador moi relevante no ámbito da educación científica, inclusiva e mediática.
A profesora titular Blanca Puig, coordinadora do proxecto na USC, e a investigadora posdoutoral Inés Martínez Pena traballan conxuntamente no proxecto achegando os seus coñecementos e experiencia investigadora sobre o pensamento crítico na educación científica e na formación do profesorado no ensino e aprendizaxe de cuestións socio-científicas.
Cursos de formación docente
Son elas as encargadas de deseñar e coordinar dous importantes eventos formativos orientados ao profesorado que van ter lugar na Facultade de Ciencias de Educación entre os días 9 e 20 de xuño sobre competencias meta-científicas para facer fronte á desinformación en problemas socio-científicos. A cita, que servirá como piloto para futuras edicións, contará con docentes de distintos países de Europa que participan no proxecto (Austria, Chipre, Noruega e R. Checa).
Por unha banda, terá lugar o Blended Intensive Programme (BIP), un curso de formación a realizar do 9 ao 13 de xuño destinado a profesorado de Educación Secundaria en formación que trata de capacitar para fomentar competencias meta-científicas, como o pensamento crítico, a competencia dixital e alfabetización mediática, e a inclusión entre o seu futuro alumnado. Nesta actividade cobra especial importancia o desenvolvemento de competencias para xestionar a información sobre cuestións socio-científicas actuais como o cambio climático ou a emerxencia de novas enfermidades infecciosas.
O outro curso, ‘Pensamento crítico para cidadanía democrática efectiva’, está destinado a profesorado de Educación Secundaria en activo e centrarase en fomentar as competencias asociadas ao pensamento crítico como competencia meta-científica para a abordaxe de cuestións socio-científicas nas aulas. A parte virtual deste curso iniciarase no mes de maio e a súa parte de formación presencial desenvolverase durante a semana do 16 ao 20 de xuño.
Ambos os dous eventos facilitarán o traballo e intercambio de experiencias entre docentes de distintas ramas e disciplinas de numerosas institucións e centros educativos dos países europeos que participan no proxecto (Austria, Chipre, Noruega, Alemaña, Finlandia, República Checa e España).
Ademais, a fin de semana comprendida entre os dous cursos terá lugar a reunión anual do equipo do proxecto SciLMi para revisar os progresos realizados ata a data e determinar os pasos a seguir.