A calidade e a excelencia lingüística dos traballos académicos ten premio
Co obxecto de fomentar unha cultura de calidade e o uso do galego entre os estudantes, a USC convoca este curso académico os VI Premios á Calidade Lingüística e os IV Premios á Excelencia Lingüística dos traballos académicos.
A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior está presente nesta convocatoria que recolle dúas modalidades, unha para os traballos académicos de curso (graos, diplomaturas e licenciaturas) e outra para os traballos fin de grao e proxectos de fin de carreira. Ademais, a partires de agora recoñecerase a todo o persoal docente e investigador que colabore na difusión dos premios.
O concurso diríxese aos alumnos dos graos ou das titulacións de primeiro e segundo ciclo dos doce centros que decidiron sumarse á convocatoria, as facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filosofía, Psicoloxía e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, do campus de Santiago, e as facultades de Veterinaria e Administración e Dirección de Empresas e as escolas Politécnica Superior e a de Formación do Profesorado de Lugo.
En canto aos premios á calidade nos traballos de curso establécense dous galardóns por cada centro organizador, dotados con 150 e 100 euros e un diploma acreditativo. Na convocatoria á excelencia, á que só poden concorrer aqueles traballos que recibisen o primeiro premio á calidade nos seus respectivos centros, establécese un galardón único dotado con 150 euros e un diploma.
No caso dos premios á calidade dos traballos fin de grao e proxectos fin de carreira, entregarase un galardón de 300 euros e un diploma acreditativo por cada titulación, e recoñecerase a excelencia do mellor deles con outro galardón idéntico, de 300 euros e un diploma.
Os estudantes poderán presentar ata o vindeiro 10 de setembro un só traballo académico do curso 2009-20010, previamente supervisado polo docente correspondente da materia ou polo tribunal avaliador, no caso dos traballos fin de grao ou fin de carreira, que deben avalar a súa calidade.
O xurado que avaliará os traballos presentados ao concurso terá en conta a corrección lingüística, o emprego acaído da linguaxe de especialidade, a calidade na redacción, a estruturación e a presentación da información así como o deseño. Os participantes teñen á súa disposición diversos materiais e recursos de apoio promovidos polo Servizo de Normalización Lingüística da USC entre os que se inclúen os dicionarios en liña ou as guías de estilo.