Cámbianse horas de estudo por euros para proxectos solidarios en África
A Universidade de Santiago, a través do seu Servizo de Participación e Integración Universitaria, colabora un ano máis coa Fundación Coopera e Cooperación Internacional na Olimpíada Solidaria de Estudo pola que ata o 5 de decembro se permutarán horas de estudo en bibliotecas universitarias por euros para o equipamento dunha escola para nenos, adolescentes e mulleres en Cacuaco (Angola).
Na edición desenvolvida no pasado curso académico a USC foi a entidade do Estado que máis cartos recadou, un total de 16.000 euros que permitiron iniciar a construción das novas aulas do Centro Integral Educativo Kudilanga ni Kudizola co que poderán acceder á educación máis de 200 estudantes.
Tanto en Santiago como en Lugo habilitáronse varias salas de estudo nas 13 bibliotecas subscritas á iniciativa. Así, en Compostela os universitarios poderán participar na Olimpíada nas bibliotecas das facultades de Ciencias da Educación, Ciencias da Comunicación, Xeografía e Historia, Filosofía, Química, Matemáticas, Física e Ciencias Económicas; na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas bibliotecas Xeral e Concepción Arenal. En Lugo, habilitáronse aulas na Biblioteca Intercentros e na Escola de Formación do Profesorado.
O mecanismos para facer o cómputo final de horas lévase a cabo mediante a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), que será preciso pasar polo ordenador preparado ao efecto cando a persoa entra e cando sae da sala de estudo. Non se computarán períodos superiores ás catro horas consecutivas nin menores a unha hora.