Ir o contido principal

Os Campionatos de España Universitarios continúan cunha alta representación da USC

En León ten lugar a competición de atletismo do 21 ao 23 de abril. Imaxe de arquivo dun adestramento na USC. FOTO: Santi Alvite
En León ten lugar a competición de atletismo do 21 ao 23 de abril. Imaxe de arquivo dun adestramento na USC. FOTO: Santi Alvite
Este venres rematan as competicións de esgrima e loita mentres que xadrez, atletismo e hípica mantéñense durante a fin de semana. Comezan o domingo 23 as competicións de baloncesto masculino e feminino
Lugo, Santiago de Compostela

A USC continúa coa súa participación nos Campionatos de España Universitarios. Así, este domingo 23 comezan as competicións de baloncesto masculino e feminino que se estenderán ata o día 26 en Segovia. O luns 24 comezan, tamén en modalidade feminina, os campionatos de balonmán, rugby 7 e voleibol. León e Navatejera acollen ata o 27 de abril a competición de balonmán; en Valladolid, o Rugby 7 esténdese ata o 26, mentres que o voleibol remata un día máis tarde. Bádminton, do 29 ao 1 de maio, tamén en Valladolid, e judo, do 12 ao 13 de maio en Salamanca, completan a listaxe das competicións que aínda quedan por disputarse.

Ademais, o campionato de xadrez desenvólvese en Salamanca ata o día 22, mentres que este venres 21 remata a competición de esgrima na cidade de Burgos. Nos Alcáceres, en Murcia, desenvolverase o Campionato de España Universitario de Loita, que tamén remata este venres 21. En León ten lugar a competición de atletismo do 21 ao 23 de abril, mentres que a hípica é protagonista do 21 ao 23 do mesmo mes en Segovia. Xa remataron as competicións de taekwondo, Karate, fútbol sala masculino e tenis.

A USC acadou dous ouros nos Campionatos de España Universitarios o pasado mes cando o estudante da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Tomás Fernández, e a alumna de Psicoloxía, Irene Montemuíño, lograron proclamarse vencedores en Taekwondo, nos campionatos celebrados en Burgos. Fernández logrou o ouro na modalidade de poomsaes, mentres que Montemuíño acadouno na categoría feminina -62 kg. Ademais, no caso do fútbol sala, que obtivo un cuarto posto, o equipo xa se proclamara con anterioridade vencedor nos Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos.

Calendario provisional das competicións
Calendario provisional das competicións
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2023.