O Campus de Lugo celebra o Día da Ciencia en Galego
O Campus de Lugo únese este venres 4 á celebración do Día da Ciencia en Galego, ao igual que fixeran o pasado ano os Servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas coa campaña En galego tamén se fai ciencia. En Santiago as accións desenvolvéronse xa en catro centros e aínda están previstas máis para os vindeiros días. A Facultade luguesa de Ciencias é o centro co maior volume de actividades para conmemorar este día en galego, entre elas unha exposición na entrada do centro de bibliografía científica en galego cos fondos do equipo de investigación QIBioCat. O resto de accións, todas no Salón de actos, comezarán ás 11.45 horas coa presentación a cargo de Beatriz Fernández do XXIV Congreso de ENCIGA (Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia) que se vai celebrar na Fonsagrada entre os días 17 e 19 de novembro. A continuación presentarase o libro O nome e o símbolo dos elementos químicos de Manuel Bermejo, Ana González-Noya e Miguel Vázquez, coeditado pola Xunta de Galicia e o Centro Ramón Piñeiro. A charla ‘Química con produtos caseiros: ácidos, bases, colorantes e antioxidantes’ e un obradoiro de química recreativa con experimentos sorprendentes serán as actividades coas que se peche o acto central. Xa ás 13.15 horas repartirase gratuitamente o Vocabulario de Química e táboas periódicas (galego-español-inglés) editado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e que recolle máis de 2.500 termos. Entre o equipo técnico que elaborou este vocabulario atópase o profesor Marcelino Maneiro da Facultade de Ciencias. Por último, quen o desexe pode participar nunha visita guiada aos novos laboratorios da Facultade, integrados nun novo edificio anexo de aproximadamente 4.000 m2 de superficie cun andar dedicado a laboratorios de prácticas de docencia e outros dous de laboratorios de investigación equipados pola firma alemá Waldner Labor-und Schuleinrichtungen GmbH, líder mundial en instalacións para laboratorios de alto nivel. EPS e Veterinaria A entrada da Biblioteca Intercentros de Lugo é ata o día 11 un expositor dos fondos científicos e de divulgación do centro en galego, de igual maneira que durante unha semana a Escola Politécnica Superior é escenario da exposición ‘María Wonenburger’ e dunha mostra de traballos científicos en galego. Nese mesmo centro este venres ás 10.30 horas haberá un visionado de documentais e charlas baixo o título ‘En galego, sen parar’. As actividades de Veterinaria comezarán cunha charla ás 10.30 horas no auditorio sobre as investigacións da Facultade e o reparto, ás 11.30 horas na conserxaría, do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria. Campus de Santiago En Santiago pódese visitar ata este venres a mostra ‘Mulleres ConFormando a ciencia’ na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. As actividades do campus compostelán continuarán en Matemáticas o día 8, onde se presentará ás 12.00 horas no Salón de Graos a Comisión de Normalización Lingüística, o concurso de vídeo ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ e Minerva, o repositorio institucional da USC.