Ir o contido principal

O Campus Terra da USC abre ata o 29 de setembro a inscrición nas I Xornadas sobre Docencia Universitaria non Presencial

As sesións formativas desenvolveranse na Facultade de Humanidades os días 25, 26 e 27 de outubro

As I Xornadas Campus Terra de Docencia Universitaria Non Presencial, de interese para aqueles profesionais que teñan responsabilidade en titulacións que asuman total ou parcialmente a súa presentación en liña, abriron este luns 18 o seu período de inscrición na web http://www.usc.es/campusterra/gl/xornadas_semipresencialidade, na que se poderá formalizar a matrícula de balde ata o venres 29 de setembro.

Baixo o lema ‘O desafío do ensino online para as universidades tradicionais’, a Facultade de Humanidades acollerá os días 25, 26 e 27 de outubro distintas conferencias, mesas redondas e obradoiros nos que se afondará na docencia universitaria non presencial, ao abeiro dun programa específico destinado tanto a persoal docente e investigador como a persoal de administración e de servizos dos campus de Lugo e Santiago da USC.

A profesora da Universidade de Deusto Sonia Arranz pronunciará a conferencia inaugural destas xornadas nunha intervención que leva por título ‘Retos da formación en liña e semipresencial nas nosas universidades’. A continuación, Víctor Martín García, da Universidade de Salamanca, analizará a ‘Implementación e adopción da metodoloxía Blended Learning na educación universitaria’. A primeira xornada pecharase coas mesas redondas ‘A xestión normativa da docencia semipresencial’ e ‘ Aula virtual e aulas presenciais nos modelos de docencia semipresencial’.

A sesión do 26 de outubro constará de dous obradoiros nos que a xornalista Teresa Blasco Roselló explicará aos asistentes como enfrontarse ao reto de educar a través dunha cámara; mentres que Xosé María Mahou Lago e Mónica López Viso, da Universidade de Vigo, afondarán nas claves da boa coordinación dunha titulación de máster en liña.

A derradeira xornada estará centrada nos MOOCs (Massive Open Online Course). Pedro Pernías Peco, da Universidade de Alacante, pronunciará a conferencia ‘Por que fago MOOC (e por que ti tamén deberías)?’. A subdirectora do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe da USC, Beatriz García Antelo, falará da I Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en MOOC e de apoio das TIC á docencia que se levou a cabo durante o pasado curso. As xornadas pecharanse co obradoiro ‘Aspectos a ter en conta á hora de deseñar un MOOC’, que será impartido por Elena González de la Cámara Cayuela, de eTIC Factoría de Formación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2017.