Ir o contido principal

O Campus Terra da USC define este xoves o perfil do xestor cultural para adecualo ao mercado laboral actual e futuro

Participantes na primeira xornada do workshop ‘A xestión cultural como espazo profesional’
Participantes na primeira xornada do workshop ‘A xestión cultural como espazo profesional’
A vicerreitora de Servizos Universitarios, Carme Silva, inaugurou o foro de debate este mércores na Facultade de Humanidades

A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC acolle este xoves 28 de setembro, a partir das 10.00 horas, unha nova sesión do foro de debate ‘A xestión cultural como espazo profesional’, o cal foi inaugurado este mércores pola vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, e no que se deron cita distintas institucións e empresas especializadas no eido da cultura co gallo de definir o perfil do xestor/a cultural no tocante ás competencias e coñecementos que se demandan no mercado laboral actual e futuro.

Fundación Uxío Novoneyra, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Consello da Cultura Galega, Deputación de Lugo, Rede Museística da Deputación Provincial de Lugo, a Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación Cultural da Xunta de Galicia, a Asociación Comercial e Empresarial da Cidade Antiga (ACECA), e o xestor cultural Fran Quiroga, protagonizaron a sesión deste mércores na que se buscou coñecer a percepción dos/as participantes sobre o actual Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da USC e a súa adecuación ás demandas do mercado.

Este xoves, novamente no Laboratorio de Idiomas da Facultade de Humanidades do Campus Terra, daranse cita neste foro de debate a Fundación Olga Gallego Domínguez; Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia; Marcos Lourenzo en representación do título de Experto Universitario en Xestión Cultural; Deputación de A Coruña; Concello de Lugo; Museo Catedralicio de Lugo; Edicións Xerais de Galicia; Arquestudio s.l.; Ouvirmos, s.l.; e Nócomún. Na sesión, os participantes analizarán o futuro do sector en canto a nichos de emprego.

De esquerda a dereita, Cruz, Silva, Fernández e Vilela, na apertura das xornadas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2017.