O Campus Terra ve a diversificación da produción, as referencias de éxito e a tradición como chaves da agrosilvicultura

O Campus Terra da USC identifica a diversificación das producións, o coñecemento de casos ou experiencias agroforestais de éxito e a tradición familiar ou da contorna social e rexional como tres dos factores chave que estimulan a implementación e o auxe das prácticas agrosilvícolas, segundo recolle a enxeñeira de Montes e investigadora do Instituto Forestal Europeo Mercedes Rois na tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC baixo o título ‘Mellora da sustentabilidade da agricultura en Europa: factores clave para a implementación de sistemas agroforestais’.
A investigación de doutoramento desenvolvida pola luguesa Mercedes Rois baixo a dirección dos catedráticos do Departmento de Produción Vexetal da USC, Rosa Mosquera Losada e Antonio Rigueiro Rodríguez, conclúe asemade que a diversificación de produtos está ligada a un menor risco na produción fronte a cambios no mercado ou a unha climatoloxía adversa. En cambio, os factores que favorecen unha agricultura convencional son a tradición, como no caso anterior, máis outros como a falta de coñecemento sobre sistemas agroforestais ou a simplicidade da agricultura convencional.
Outros factores que, segundo esta investigadora, afectan á decisión de implementar prácticas agroforestais ou agrosilvícolas están relacionadas coa viabilidade económica, a existencia de subsidios, o tempo de dedicación necesario e a complexidade da xestión, a calidade do solo, así como a idade do agricultor e a propiedade da terra, xa que a plantación de árbores limita os futuros usos posibles da parcela.
Os agricultores, en xeral, engade Rois, optan por plantar árbores en terreos marxinais, onde a agricultura convencional é difícil ou non rendible. Outras razóns identificadas para practicar agrosilvicultura atenden a cuestións máis globais, tales como o benestar animal, a mellora do medioambiente, a calidade da paisaxe e a calidade de vida. Ademais, os agricultores e silvicultores que teñen ingresos por outros traballos, presentan unha mellor disposición a practicar a agrosilvicultura.
Tamén se identificou un coñecemento limitado sobre agrosilvicultura entre os agricultores ou propietarios forestais, polo que para fomentar o uso dos sistemas agroforestais é preciso mellorar a educación e formación dos agricultores e silvicultures sobre os beneficios dos mesmos, especialmente a través de exemplos de casos de éxito. De feito observouse que, se se presentan ditos exemplos, os agricultores amosan un crecente interese e unha maior disposición a aplicalos. Neste eido, os servicios de extensión agraria e forestal xogan un papel crucial na transferencia do coñecemento acadado nos últimos avances.
A existencia de axudas tamén favorece que os agricultores xestionen o territorio de certa maneira. Algúns produtores consultados nesta investigación recibiron axudas para estas prácticas agroforestais, mentres que a maior parte deles descoñecían a existencia das mesmas. Os regulamentos en xeral son vistos polos agricultores máis como un impedimento que como unha motivación para sumarse á agrosilvicultura. Así mesmo, Rois advirte na súa tese da necesidade de aumentar a concienciación entre os consumidores para decantarse por estes produtos, a pesar de seren máis caros.
Contextualización do estudo
A tese de doutoramento realizada por Mercedes Rois está contextualizada en Europa, un continente que se caracteriza por ter unha paisaxe esencialmente rural, onde o 40 % da superficie da Unión Europea é agrícola e o 42 % é forestal. Aínda así, nas últimas décadas está a rexistrarse un progresivo abandono do medio rural de persoas que migran ás cidades por diversos motivos, entre os que se atopa a pouca rendibilidade da agricultura.
Fronte a esta realidade, os sistemas agroforestais son unha das actividades que poden contribuír ao desenvolvemento rural, proporcionando emprego, para fixar e atraer poboación, e beneficios dun xeito sustentable. Os sistemas agroforestais implican a integración deliberada dun compoñente leñoso, arbóreo ou arbustivo, cunha produción agrícola ou aproveitamento pascícola. Ademais, a agrosilvicultura permite ao mesmo tempo aliñar e aumentar producións sen renunciar a servicios.
Rois sinala asemade que os sistemas agroforestais contribúen ao desenvolvemento e ao logro de obxectivos fixados nun gran número de estratexias e políticas a nivel global. A PAC é a política de maior influencia na agricultura e na sustentabilidade na UE, aínda que segundo Rois resulta complexo avaliar o impacto da Política Agraria Común do ámbito da agroforestería no plano continental por mor da diversidade política e paisaxística dos territorios e, entre outros factores, pola falta de definición do compoñente leñoso.
Tribunal de tese e cualificación
O profesor da Universidade de Oviedo Pedro Álvarez Álvarez presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Mercedes Rois, un comité do que tamén formaron parte a profesora da USC Rosa Romero e a tamén docente do Instituto Politécnico de Bragança Marina Mª Pedrosa. Este comité outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación de Mercedes Rois.
