Ir o contido principal

O catedrático Antonio Rigueiro, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia

Antonio Rigueiro, terceiro pola esquerda, coa nova directiva da AFG. Foto: Campo Galego
Antonio Rigueiro, terceiro pola esquerda, coa nova directiva da AFG. Foto: Campo Galego
Francisco Dans del Valle, Juan Ramón Gallástegui Otero, e José Luis Campos Represas ocupan as vicepresidencias de relacións institucionais, montes comunais e montes veciñais na nova xunta de goberno da Asociación Forestal de Galicia
Lugo

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Antonio Rigueiro Rodríguez acaba de ser nomeado presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) no marco da XXXIV Asemblea Xeral Ordinaria da entidade celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra. O novo presidente da AFG, quen exerce o seu cometido docente e de investigación na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, sucede no cargo a Francisco Fernández de Ana Magán.

A xunta de goberno da Asociación Forestal de Galicia presidida por Antonio Rigueiro está formada por Francisco Dans del Valle, que asume as funcións vicepresidente de Relacións Institucionais; Juan Ramón Gallástegui Otero, como vicepresidente de montes particulares, e José Luis Campos Represas, en calidade de vicepresidente de montes veciñais.

“Conformamos unha candidatura de continuidade, tanto respecto das persoas que estamos na xunta de goberno, como respecto das actuacións e proxectos a desenvolver”, sinalou Antonio Rigueiro, que salienta a “atención e a prestación de servizos aos preto de 1.300 socios da Asociación Forestal de Galicia” como un dos obxectivos do seu mandato.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2021.