O catedrático e escritor Miquel Barceló imparte unha conferencia na Facultade de Física
O catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña, Miquel Barceló, participará este mércores, día 17, no programa de actos organizado co gallo da conmemoración do 25 aniversario da creación da Facultade de Física da USC. Miquel Barceló pronunciará a conferencia titulada ‘Planetas de ciencia ficción’ nunha sesión que comezará ás 11:00 horas na Aula Magna da Facultade de Física.
Enxeñeiro aeronáutico e doutor en Informática, Miquel Barceló realizou ademais estudos de Enxeñaría Nuclear, Enxeñaría Aerospacial, Psicoloxía Aplicada e Psicotecnia, e o primeiro ciclo de Ciencias Económicas. Na actualidade imparte clases na Facultade de Informática de Barcelona. Ademais é especialista, tradutor, editor e escritor premiado no xénero literario da ciencia ficción que tamén emprega como material para a divulgación científica.