Ir o contido principal

O catedrático e escritor Miquel Barceló imparte unha conferencia na Facultade de Física

A intervención de Barceló forma parte do programa de actos conmemorativos do XXV aniversario da creación da Facultade de Física

O catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña, Miquel Barceló, participará este mércores, día 17, no programa de actos organizado co gallo da conmemoración do 25 aniversario da creación da Facultade de Física da USC. Miquel Barceló pronunciará a conferencia titulada ‘Planetas de ciencia ficción’ nunha sesión que comezará ás 11:00 horas na Aula Magna da Facultade de Física.
Enxeñeiro aeronáutico e doutor en Informática, Miquel Barceló realizou ademais estudos de Enxeñaría Nuclear, Enxeñaría Aerospacial, Psicoloxía Aplicada e Psicotecnia, e o primeiro ciclo de Ciencias Económicas. Traballou durante 17 anos como enxeñeiro de Sistemas Informáticos nunha multinacional informática antes de ingresar na Universidade Politécnica de Cataluña onde agora é catedrático do Departamento de Linguaxes e Sistemas Informáticos e dá clases. Na actualidade imparte clases na Facultade de Informática de Barcelona dende a súa creación en 1977.
Ademais é especialista, tradutor, editor e escritor premiado no xénero literario da ciencia ficción que tamén emprega como material para a divulgación científica con libros como Paradojas: la ciencia en la ciencia ficción (Ed. Sirius. Madrid, 2000) e a súa continuación Paradojas 2: la ciencia en la ciencia ficción (Ed. Sirius. Madrid 2005). Reseñable igualmente son as súas columnas periódicas con artigos de opinión e de divulgación científica en revistas como Byte, Astronomía, Boletín de la Asociación Catalana de Inteligencia Artificial, Asimov, Divulgamat da páxina web da Real Sociedad Matemática Española, ou Primera noticias. Revista de Literatura, entre outras.
Unha das súas últimas publicacións será o libro La Intel.ligència artificial, número catro da nova colección ‘Vull Saber’ da editorial UOC (Barcelona, 2005). Para esta mesma colección preparou outro monográfico sobre La Ciència-Ficció, cuxa comercialización en prensa está prevista para este mesmo ano) e atópase rematando un manual académico sobre Introducció a la Història de la Informàtica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2007.