Máis de cen docentes universitarios de enxeñaría informática reúnense estes días na USC

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC acolle desde este mércores e ata o venres 9 as XVI Xornadas de Ensinanza Universitaria da Informática (JENUI2010) que reúnen a máis de cen docentes universitarios das titulacións de enxeñaría informática. As xornadas coinciden co final do curso 2009-2010 do que sairán da USC a primeira promoción de graduados e graduadas en Enxeñaría Informática de España, ao ser a USC das primeiras Universidades do estado en adaptar este título ao Espazo Europeo de Educación Superior. O encontro inaugurouno o reitor da USC, Juan Casares Long, que deu paso ao profesor da Universidade de Cádiz Juan Manuel Dodero, presidente do comité directivo do Capítulo Español do ACM Special Interest Group on Computer Science Education, quen pronunciou a conferencia ‘Perspectiva do capítulo español de ACM SIGCSE sobre o informe FoCES’ na que analizou problemas actuais da educación en informática como o descenso do número de alumnos matriculados, a harmonización coas necesidades da industria e os novos aspectos pedagóxicos. JENUI2010 As JENUI naceron en 1994 como foro de intercambio de ideas co obxecto de promover o contacto e o intercambio de coñecementos e experiencias entre profesores universitarios de informática e grupos de investigación, debater sobre o contido dos programas e os métodos pedagóxicos empregados, e presentar temas e enfoques innovadores que permitan mellorar a docencia da informática nas Universidades. As charlas Para a presente edición recibíronse un total de 138 propostas de comunicación, o que supón un incremento do 30% respecto á anterior. Delas, tras un rigoroso proceso de avaliación levado a cabo por 106 revisores de 28 Universidades, foron seleccionadas 70 para a súa presentación. As comunicacións e charlas destas décimo sextas xornadas tratan da docencia das diferentes materias de informática presentes en estudos universitarios -por exemplo programación, bases de datos, seguridade, fundamentos teóricos, arquitectura de computadores ou sistemas operativos- ou de aspectos máis xerais do proceso de ensinanza-aprendizaxe na Universidade como a avaliación do alumnado, a calidade e avaliación da docencia, o desenvolvemento de competencias profesionais ou a innovación pedagóxica. A mesa redonda que pecha as xornadas o venres, ás 11:00 horas, leva por título ‘¿Medimos a calidade docente?’ e, moderada pola profesora Rosana Satorre, tratará sobre a definición do que caracteriza a docencia de calidade e sobre os procedementos para medila dunha maneira obxectiva e xusta. Participarán o catedrático da Universidade de Granada e colaborador externo da ANECA, José Luis Verdegay; o catedrático de escola da Universidade de Alacante, vicerreitor de Tecnoloxía e innovación educativa e membro da Comisión Executiva Sectorial TIC da CRUE, Faraón Lloréns; e a profesora da Universidae de Alacante, Rosana Satorre, que actuará como moderadora. As xornadas están organizadas pola propia ETSE, a USC e a Asociación de Enseñantes Universitarios de Informática (AENUI) co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e Coremain. Máis de cen expertos asisten a estas xornadas