Ir o contido principal

Medio cento de especialistas danse cita en Humanidades para redefinir enfoques e metodoloxías de investigación

A intención desta xornada é poñer o foco nestas perspectivas emerxentes, transdisciplinares e innovadoras e xerar espazos de diálogo interdisciplinario
A intención desta xornada é poñer o foco nestas perspectivas emerxentes, transdisciplinares e innovadoras e xerar espazos de diálogo interdisciplinario
Persoal investigador mozo integra a primeira edición deste foro dirixido por Rubén Castro Redondo e Patricia Cupeiro López
Lugo

Co obxectivo de ofrecer ao estudantado pre e postdoutoral da área de Humanidades un espazo para compartir as súas investigacións e poñer en común os seus proxectos e enfoques emerxentes, a Facultade de Humanidades impulsa este venres 17 a primeira edición do Congreso de Novas Investigacións en Humanidades.

As Humanidades e os estudos culturais están a redefinir os seus enfoques e metodoloxías nos últimos tempos para responder aos desafíos contemporáneos no ámbito da investigación. Medio cento de participantes de oito universidades diferentes daranse cita neste foro para poñer en común proxectos que abordan cuestións relacionadas coas Humanidades Dixitais, a Historia, a Arqueoloxía, a Literatura, a Arte, a Filosofía, a Etnografía, a Interpretación do Patrimonio, a Paisaxe ou o Turismo, entre outras.

Da colaboración con áreas de coñecemento diversas xorden novos enfoques arredor da incorporación dos avances tecnolóxicos, a ética profesional, a perspectiva de xénero, os enfoques decoloniais, ou por exemplo, a preocupación polo cambio climático. A intención desta xornada é poñer o foco nestas perspectivas emerxentes, transdisciplinares e innovadoras e xerar espazos de diálogo interdisciplinario.

O congreso, dirixido por Rubén Castro Redondo e Patricia Cupeiro López, arrancou cunha conferencia do catedrático Juan M. Monterroso Montero, encargado tamén de moderar unha das seis mesas en torno ás cales se distribúen as diferentes temáticas. Así mesmo, actúan como moderadoras as profesoras da Facultade de Humanidades de Lugo Ana Cabana Iglesia, Elena Freire Paz, Alba Díaz Geada, María do Carme Silva Domínguez e Patricia Cupeiro López.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2025.