A central de biomasa do Campus de Lugo merece a atención de persoal técnico de Portugal e da Administración galega
As obras da central de biomasa que a Universidade de Santiago está acometendo no campus de Lugo e que estará en marcha o vindeiro ano mereceron a atención de persoal técnico de Portugal e doutras empresas galegas así como da Administración.
Deste xeito, persoal técnico da Administración galega, dos concellos e doutras institucións do Norte de Portugal visitou estes días a rede de calor da USC en Lugo para coñecer as súas características e o seu posterior funcionamento e vantaxes.
A visita prodúcese no marco dun proxecto Interreg España- Portugal para impulsar a integración da biomasa no modelo produtivo local mediante comunidades enerxéticas no rural de Galicia e o Norte de Portugal.
Neste proxecto que lidera AGADER tamén participa, pola parte galega, a Axencia Galega da Industria Forestal e Energylab (agora ITG), así como os Concellos de Monterrei e de Cerdedo Cotobade. Pola parte portuguesa interveñen a Comunidade Intermunicipal Alto Tamega e Barroso e os municipios de Arcos de Valdez e Vila Pouca de Aguiar.