Ir o contido principal

O Centro de Estudos e Documentación Europeos visibiliza os desafíos da agricultura ecolóxica en Galicia

Diego Canga, entre Carlos Teijo e Rosa Mosquera, no obradoiro sobre agricultura ecolóxica celebrado en Santiago
Diego Canga, entre Carlos Teijo e Rosa Mosquera, no obradoiro sobre agricultura ecolóxica celebrado en Santiago
Carlos Teijo e Rosa Mosquera acompañan a unha representación de axentes produtores nun encontro co conselleiro da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea Diego Canga, ao que trasladaron necesidades e reivindicacións do sector
Lugo, Santiago de Compostela

O Centro de Estudos e Documentación Europeos canaliza cara a Europa as necesidades e as problemáticas advertidas polos axentes produtores, a fin de que as súas reivindicacións poidan incorporarse e ter cabida nos futuros regulamentos comunitarios, a través dunha sesión participativa na que interviron os profesores Carlos Teijo e Rosa Mosquera, ademais do conselleiro da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea Diego Canga e unha ampla representación do sector produtivo.

A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC no Campus de Lugo, Rosa Mosquera, aproveitou a súa participación na sesión celebrada no Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC para trasladar a Canga as preocupacións dos produtores en ecolóxico por cuestións relacionadas cos matadoiros móbiles, a inclusión de áreas arbustivas xestionadas como superficies acaídas para pagos directos da PAC, mobilización de consumidores, necesidades de formación e de máis financiamento para a transición de explotacións convencionais cara a produción ecolóxica, ademais de solicitar a diminución da tramitación burocrática.

Esta obradoiro participativo sobre o cometido da agricultura ecolóxica no futuro de Europa encádrase no marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE) e permitiu para salientar a importancia que ten o Plan Europeo de Agricultura Ecolóxica en aras ao desenvolvemento destas prácticas a nivel rexional, especialmente en Galicia, a comunidade europea na que este modelo de produción sustentable está a experimentar un menor crecemento.

Daquela, Rosa Mosquera apuntou os matadoiros móbiles e a inclusión de áreas arbustivas xestionadas como superficies acaídas para pagos directos da PAC como elementos clave para favorecer as producións en ecolóxico. A catedrática da USC sinalou neste foro, que congregou uns 30 representantes do sector produtivo, entre os que estaban o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Asoporcel, Cooperativa A Carqueixa, ademais de produtores e gandeiros, que a inexistencia de matadoiros móbiles propicia que unha parte da carne das reses criadas en ecolóxico acabe por comercializarse como convencional.

A formación dos consumidores e o labor de difusión do selo de agricultura ecolóxica entre a sociedade constitúe tamén outras necesidades advertidas en Galicia polo propio Diego Canga, quen recoñeceu que o gran de coñecemento e recoñecemento das producións ecolóxicas en Galicia é sensiblemente inferior ao nivel de penetración xa acadado noutras rexións e países europeos.

Canga aproveitou este encontro con representantes e produtores de agricultura ecolóxica en Galicia para explicar algunha das particularidades recollidas na nova regulamentación europea sobre o sector que entrará en vigor en xaneiro, ao tempo que reiterou que a produción ecolóxica será un dos criterios esixidos para acadar o máximo nivel de financiamento da PAC a partir de 2023.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2021.