Ir o contido principal

O Centro de Linguas Modernas da USC, un espazo de coñecemento para botar raíces ou emprender o voo

O CLM oferta cursos de alemán, francés, inglés, italiano, ou portugués, entre outros, en niveis adaptados ao Marco Común Europeo de Referencia e con prezos reducidos para o estudantado da USC. FOTO: Santi Alvite
O CLM oferta cursos de alemán, francés, inglés, italiano, ou portugués, entre outros, en niveis adaptados ao Marco Común Europeo de Referencia e con prezos reducidos para o estudantado da USC. FOTO: Santi Alvite
A oferta formativa do CLM que xa está dispoñible na súa páxina web é clave tanto para o estudantado entrante como para aquel que desexa completar o seu currículo no estranxeiro
Lugo, Santiago de Compostela

“Polo pracer de aprender idiomas e porque o plurilingüísimo é enriquecedor a nivel persoal pero tamén profesional”. Así explica a profesora da USC no Centro de Linguas Modernas (CLM), Laura Formoso Cuesta, os motivos que impulsan o estudantado a nutrir o seu currículo coa aprendizaxe de novas linguas. A oferta de idiomas do CLM conforma unha peza angular na formación do estudantado da USC, sexa estranxeiro ou non. Este centro, dependente do Centro de Formación de Persoal da USC, xa ten aberta, a través da súa páxina web, a inscrición na súa oferta formativa para este curso 2024-2025. 

Así por exemplo, o estudantado estranxeiro recorre ao CLM para acreditar o requirimento de nivel B1 ou superior de español ou galego antes de rematar os seus estudos na USC. Para conseguir este obxectivo, o Centro de Linguas Modernas ofrécelle dúas posibilidades, ambas as dúas con dereito ao recoñecemento de créditos ECTS. Por unha banda, cursos de Español como Lingua Estranxeira (ELE) ou de galego para non galegofalantes, gratuítos para o estudantado da USC. Pola outra, probas de Competencia Lingüística que se desenvolven neste mes de setembro. A matrícula xa está aberta e os prazos poden consultarse na web do CLM. 

“Temos estudantado procedente de Latinoamérica que chega a través de convocatorias como as Bolsas de Mocidade Exterior (BEME) e que elixe formarse en galego porque este idioma representa a memoria, a raíz para moitas das persoas que veñen dende ese continente”, continúa a profesora Formoso. Ao mesmo tempo, “comunicarse en galego nas aulas” é outro dos motivos que impulsan a inscrición na oferta formativa do CLM. Neste senso, “a proximidade entre idiomas” é outra peza chave no proceso de elección. “Temos estudantado galego que opta polo portugués porque lle resulta familiar e fácil de aprender e temos tamén, por exemplo, estudantado italiano que elixe galego tamén pola similitude entre idiomas”, afirma. 

Para o estudantado galego ou do resto do Estado español, mellorar a destreza nalgún idioma estranxeiro ou mesmo aprender un novo abre numerosas portas, permitindo o acceso a programas de mobilidade (Erasmus e outros) nos que se esixe estar en posesión do nivel B1 na lingua do país de destino. Este é o caso de Antía Hierro Ferreiro, quen acadou unha bolsa de auxiliar de conversa en París, convocada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, logo de cursar francés na sede luguesa do CLM. Antía destaca a “atención personalizada” que recibiu no Centro de Linguas Modernas durante o curso 2022-2023. “Axudoume a lazarme a falar en francés”, afirma, elemento que resultou crucial na obtención da axuda. 

Para acceder a estudos de mestrado, en moitos casos, esíxese estar en posesión do nivel B1 ou B2 dunha lingua estranxeira. Neste senso, o CLM oferta cursos de alemán, francés, inglés, italiano, ou portugués, entre outros, en niveis adaptados ao Marco Común Europeo de Referencia e con prezos reducidos para o estudantado da USC. A matrícula xa está aberta. Ademais, o CLM organiza probas de Competencia Lingüística con regularidade ao longo do curso. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2024.