Os centros universitarios dos campus de Santiago e Lugo acollen a segunda fase da campaña de doazón de sangue

As unidade móbiles do Centro de Transfusión de Galicia están a percorrer os centros universitarios dos campus de Lugo e Santiago dende o pasado 1 de marzo, día no que comezou a segunda fase da campaña de doazón de sangue na universidade, que se desenvolverá durante os meses de marzo, abril e maio. Durante a primeira fase, que tivo lugar entre outubro e decembro de 2010, a USC incrementou un 17 por cento a taxa de doazóns respecto ao mesmo período do curso anterior, ao pasar de 1.487 a 1.796 doantes. Por campus, o incremento foi maior no de Santiago que, con 1.462 doantes, elevou a taxa un 22,75 por cento respecto ao curso pasado; mentres que en Lugo a doazón ascendeu un 12,8 por cento, ao rexistrar 334 extraccións. Así mesmo, a USC segue a ser a máis solidaria das universidades galegas. De feito, as hemodoazóns realizadas no campus compostelán supoñen o 48 por cento do total de doazóns recollidas no resto de institucións universitarias durante outubro e decembro de 2010. Porén, dende o Centro de Transfusión de Galicia incidirase un ano máis na relevancia das doazóns, posto que para desenvolver o labor asistencial nos hospitais galegos precísase cada día un total de 500 doazóns. Así, durante os vindeiros meses, nas facultades e escolas universitarias impartiranse charlas e distribuirase material informativo, no que se resalta a necesidade diaria de doazóns e a súas utilidades, ademais das condicións para realizar este acto voluntario, anónimo, responsable, universal e gratuíto. Na xornada do xoves 17, a unidade móbil do Centro de Transfusión desprazarase ata a Facultade de Ciencias de Comunicación (Santiago) e á Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Lugo). Toda a información sobre a campaña está dispoñible no enlace web do Servizo de Participación e Integración Universitaria: http://www.usc.es/gl/servizos/sepiu/.