O certame #cambiaatúamirada bota a andar en Instagram para promover o uso do galego entre o estudantado de Veterinaria
O Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza a través da rede social Instagram o certame #cambiaatúamirada co que se pretende acadar unha mirada positiva cara á cidade de Lugo e as súas características, e cara á cultura e a lingua propias de Galicia. Esta actividade dirixida ao estudantado da Facultade de Veterinaria pon o foco nas vantaxes sociais de integrarse na cidade e no seu ambiente social e lingüístico, así como na importancia de que o estudantado galego manteña o uso da lingua galega na súa vida universitaria.
Baixo estas premisas, o certame baséase nun sorteo de catro pixamas veterinarios estampados con elementos gráficos da campaña. Para conseguilos é preciso ter máis de 18 anos ou facelos no 2024, seguir o perfil de Instagram @linguausc (do Servizo de Normalización Lingüística) e axudar a difundir as mensaxes da campaña #cambiaatuamirada de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria. Unha posible forma de facelo é darlle gústame á publicación de @linguausc onde se comparten as mensaxes gráficas desa campaña, e deixar un comentario nela mencionando a outras tres persoas; ou ben compartir nunha historia de Instagram algunha desas mensaxes gráficas mencionando a outras tres persoas.
Participarán as persoas usuarias que cumpran estes requisitos entre o 14 e o 25 de outubro de 2024. Cada persoa pode participar tantas veces como queira. As persoas premiadas elixiranse a través dun sorteo entre todas as que participen.