Ir o contido principal

O I Certame de Videocreación do Campus de Lugo distingue as propostas de Microsoños, Lozano e da Asociación Down Lugo

Gañadores e organizadores do I Certame de Videocreación do Campus de Lugo
Gañadores e organizadores do I Certame de Videocreación do Campus de Lugo
O certame, coordinado na súa primeira edición por Sabela Eiriz e cunha temática ligada á do curso de primavera ‘Andar, camiñar, marchar’, recibiu un total de 8 candidaturas

O I Certame de Videorecación do Campus de Lugo, unha nova convocatoria artística promovida pola USC, a través da Área de Cultura do campus de Lugo, ao abeiro do curso de primavera ‘Andar, camiñar, marchar...’ distinguiu as propostas presentadas por Iago de Sant e Esteban Puebla, Microsoños, Denisse Lozano, e a Asociación Down Lugo.

O xurado encargado de fallar o certame coordinado por Sabela Eiriz acordou premiar o traballo ‘ Flue’, presentado por Microsoños, co galardón á mellor linguaxe visual. Asemade, a videocreación titulada ‘Andares paralelos’ e cuxa autoría corresponde a Denisse Lozano mereceu o premio Isidro Novo, un galardón co que os organizadores recoñecen a calidade do discurso literario desta peza, na que a súa autora traza unha comparativa entre o Camiño de Santiago e o Camino de Kumano, unha ruta xaponesa tamén considerada Patrimonio da Humanidade.

Xa fóra de concurso, o tribunal encargado de valorar as sete creacións audiovisuais presentadas a competición no marco deste certame, acordou tamén distinguir co premio á integración, a composición ‘Quen anda aí?, na que a Asociación Down Lugo intenta establecer un diálogo coas pedras da muralla romana de Lugo para saber quen está detrás dos muros.

O acto de entrega dos galardóns do I Certame de Videocreación do Campus de Lugo, unha actividade incluída tamén na oferta cultural artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas económicas a USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, desenvolveuse na Facultade de Humanidades de Lugo no marco da xornada de clausura do curso de primavera ‘Andar, camiñar, marchar...’

Os profesor Jesús Varela Zapata, axunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Internacionalización, Cultura, Estudantes e Servizos, presidiu a cerimonia de entrega destes galardóns nun acto no que tamén participaron os directores do XV Curso de Primavera da USC, Max Jean Zins e Felipe Arias, así como a viúva de Isidro Novo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2019.