Ir o contido principal

A Cidade da Saúde conta xa co financiamento preciso para comezar a súa primeira fase, a construción da Facultade de Farmacia

O reitor da USC, Antonio López, presidiu a presentación do proxecto. FOTO: Santi Alvite
O reitor da USC, Antonio López, presidiu a presentación do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Cun investimento de 24,5 millóns de euros, a USC licitará en breve o proxecto, que deberá estar rematado para 2027

A Universidade de Santiago licitará coa maior axilidade posible a primeira fase do proxecto da Cidade da Saúde, relativa á construción da Facultade de Farmacia que supón un investimento total de 24,5 millóns de euros, logo de que o Consello da Xunta confirmase este luns a dispoñibilidade de fondos para a edificación dese centro.

A USC disporá así dunha achega de 12 millóns de euros, a través do Plan de Infraestruturas da Xunta de Galicia para o SUG -a repartir nas anualidades de 2024, 2025 e 2026-, que se sumarán aos outros tantos que a institución compostelá xa tiña previstos orzamentariamente. Así, 2,9 millóns pertencen a fondos propios e os 9,6 millóns restantes completaranse co refinanciamento da débeda ao que a Xunta de Galicia tamén vén de autorizar.

Este acordo de financiamento para a construción da Facultade de Farmacia presentouse no CiMUS nun acto no que participaron o reitor compostelán, Antonio López; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o xerente da USC, Javier Ferreira; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a decana da Facultade de Farmacia, María de los Reyes Laguna; así como os arquitectos gañadores do concurso de ideas lanzado pola USC para deseñar o proxecto, membros do equipo reitoral, antigas directivas da Facultade de Farmacia, a súa comunidade educativa e representantes do Consello do estudantado.

Foi precisamente á comunidade da Facultade de Farmacia a quen o reitor Antonio López lle dedicou un especial agradecemento, “por confiar en min e pola vosa paciencia, clave para poder chegar ao día de hoxe”. Porque, proseguía, “este era o proxecto máis necesario e urxente dos que tiñamos por diante na Universidade” co que se cumpre “unha promesa que era unha débeda coa nosa Facultade de Farmacia”.

Rigor financeiro
López, que na súa intervención foi debullando os pasos dados dende que hai case unha década se tivo que pechar o antigo edificio por problemas estruturais ata hoxe para demostrar que “pasou moito tempo, pero nunca estivemos parados”, manifestou que “o día de hoxe é posible grazas ao rigor que se ten posto en marcha desde a Xerencia e dende a área de economía da USC, en definitiva de toda a USC”. Facía referencia o reitor ao “rigor no axuste do gasto corrente que nos permite destinar recursos propios a gastos de investimento ata o efecto de multiplicar eses recursos case por catro”. “Iso si -matizou-, a nosa situación financeiramente estable permítenos afrontar este proxecto pero sen desbotar outras accións necesarias na USC como son o traslado ao campus da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo ou a rehabilitación de Medicina e de Xeografía e Historia, entre outras”.

Precisamente, a “boa saúde financeira da USC” foi posta en valor polo presidente Alfonso Rueda. “Foi a que permitiu a autorización do refinanciamento dunha parte da débeda, que doutro xeito non sería posible”. O xefe do Executivo galego agradeceu ademais a “paciencia” de toda a comunidade de Farmacia ao longo destes anos e puxo en valor “a valentía e o criterio” do Goberno universitario cando en 2019 decidiu paralizar as obras de reforma do edificio antigo xa que non garantían os resultados que se precisaban.

Proposta arquitectónica
O novo centro de Ciencias da Saúde da USC será un espazo que, tal e como explicaron os arquitectos, se defina polo “carácter modular da súa proposta construtiva” e que ademais permitirá conectar a trama urbana do campus compostelán coa zona verde que se sitúa nas súas inmediacións. O equipo responsable da proposta está encabezados por Alfredo Freixedo Alemparte, Pedro Diéguez Iglesias, Jorge Salgado Cortizas, Celso López Martín e Mª del Carmen Rodriguez Galante.

“Cada volume organízase de maneira autónoma, independente, como unha peza en si mesma, pero todos se conectan e funcionan entre si”, explicaron. “Dispúxose, nunha orde moi sinxela, un único volume que conecta as dúas parcelas e dá unidade a todo o conxunto, trátase do aulario, dunha superficie estimada de 12.000 m2. Conectados a este volume principal a través de corredores soterrados, sitúanse tres caixas que, entre as árbores, como parte dun bosque, acollerán os laboratorios de Farmacia e investigación biomédica, así como as aulas prácticas de Enfermería”.
 

Na presentación explicáronse as diferentes fases do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Na presentación explicáronse as diferentes fases do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Parte das persoas asistentes á presentación. FOTO: Santi Alvite
Parte das persoas asistentes á presentación. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2024.