Ir o contido principal

Ciencia á Feira aposta polo audiovisual e as redes sociais para achegar á cidadanía o coñecemento que xera o Campus Terra

Acto de presentación de Ciencia á Feira. FOTO: Deputación de Lugo
Acto de presentación de Ciencia á Feira. FOTO: Deputación de Lugo
O proxecto comunitario e interxeracional de XuvenCiencia chega á súa terceira edición
Lugo

O proxecto de ciencia comunitaria Ciencia á Feira, creado polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, con financiamento da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, presentouse este martes 25 no Pazo de San Marcos. Nesta terceira entrega, o labor divulgativo de Ciencia á Feira concrétase na creación de materiais audiovisuais sobre os ámbitos e proxectos de investigación máis punteiros que se desenvolven no campus lucense para a súa difusión en webs educativos, asociacións comunitarias, espazos institucionais e redes sociais.

As enfermidades transmitidas por carrachas, o impacto das velutinas, a xestión sustentable da auga, a resistencia a antibióticos, o valor social e cultural do monte comunal, as posibilidades dos mercados de carbono ou o papel das micorrizas e microenxertos para a xestión forestal son algunhas das temáticas que se abordarán a través da serie de vídeos divulgativos, que inclúe tamén unha acción específica para promover as carreiras STEM entre nenas e adolescente.

Na presentación, na que interviñeron a coordinadora do proxecto, Inma Orjales; a subdelegada do goberno en Lugo, Olimpia López; e o deputado de Rural, Daniel García valorouse a importancia de “achegar o coñecemento científico e tecnolóxico á cidadania para fomentar o pensamento crítico e o empoderamento social”. Inma Orjales incidiu na necesidade de proxectar a “ciencia como unha ferramenta accesible, útil e transformadora na vida cotiá das persoas”.

Os materiais, producidos por Martín Blanes, están preparados e supervisados por persoal investigador e docente do Campus de Lugo da USC. A súa difusión estenderase ao longo do curso 2025/2026, coa difusión periódica dos vídeos. O primeiro estreouse esta tarde e está xa dispoñible na canle de Youtube  XuvenCiencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2025.