Ciencias Económicas e Empresariais celebrou o seu patrón coa entrega de premios do centro

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebrou este mércores a festividade do seu patrón nun acto que inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, que estivo acompañada polo decano, Xoán Ramón Doldán García, e pola profesora da Universidade de Vigo Montserrat Lorenzo Díaz.
Na cerimonia tivo lugar a entrega do premio do XIV concurso de pintura Crearte a Eduardo Pérez Baamonde pola súa obra Dicotomía, o Premio Fulget 2024 a Auditora Galega de Contas, SLP e o de Innovación Docente 2024 a Diego Sande Veiga pola súa proposta ‘Construíndo a economía e a cidadanía europea e da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nas aulas’, desenvolvida nas materias Política Económica (2º curso do Grao en ADE) e Política Económica Internacional (4º curso do Grao en Economía).
Os Premios Ángela Ruíz á Excelencia Académica 2023-2024 entregáronselle a Ivanna Isabella Carbone Rivera, Jorge García Carral e Carlos Nicolás Hermo Lata, do Grao en Economía, e a Lucía Franco Cancelo, Nicole Candal Ferreira e Bruno Montes Alfonso, do Grao en ADE.
Tamén se outorgaron os premios extraordinarios 2023-2024 de grao en Economía a Marta Tacón Casal e Roi Cortón Fernández e de ADE a Irene Santamaría Álvarez e Óscar Iglesias Domínguez. Recolleron tamén os premios extraordinarios de mestrado Giannina Pinotti Alonso, do mestrado en Desenvolvemento Económico e Innovación; Micaela López Prieto, do mestrado en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas; Martiño Castiñeira Carracedo, do de Dirección e Xestión Contable e Financeira; e Christian Jorge Carreiro, do Interuniversitario en Economía.
O Premio María del Carmen Lorenzo Díaz aos mellores TFG e TFM sobre a economía dos recursos naturais e do medio ambiente recaeu, en ambas as dúas modalidades, na mesma graduada, Iria Mª Nande Fernández. Pola súa banda, o extraordinario de doutoramento foi para Bruno Blanco Varela pola tese Unha análise socioeconómica da vulnerabilidade en Galicia: o camiño dende a escola até a inserción laboral, baixo a dirección dos profesores doutores María del Carmen Sánchez Carreira e Paulo Jorge Reis Mourao.
A cerimonia rematou cun acto de recoñecemento da acción solidaria da Facultade coa asociación Anxiños que preside Ruth Gómez Vázquez.
