Ciencias da Educación lembra nunha mostra a achega da emigración ao desenvolvemento dunha rede escolar galega

Poñer en valor a achega da emigración galega á xeración dunha rede escolar na xeografía galega que paliase as necesidades e carencias que se atopaban na raíz do fenómeno migratorio é o eixo sobre o que se asenta a mostra ‘Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia’ que permanecerá aberta ao público na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte ata o 24 de maio. A exposición atópase promovida polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.
A mostra é “testemuña da nosa memoria cultural e educativa pero tamén como ferramenta formativa para a sensibilización dos futuros profesionais do ensino, nun intento por reivindicar o soño ilustrado da educación universal como vía para conseguir o progreso e a xustiza social”, explicou a vicedecana do centro, María López Sández, no acto inaugural no que estivo acompañada pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o profesor Vicente Peña. A exposición subliña, dunha parte, a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América e, doutra, as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos e das emigrantes.
Accións solidarias e altruístas
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega traballa dende os seus inicios, en 1992, na recuperación e posta en valor da memoria e dos legados das persoas emigrantes galegas. Presta atención ás accións solidarias e altruístas daqueles que financiaron, implementaron, custearon e sostiveron as construcións escolares, retribuíndo a Galicia coas remesas facilitadoras da escolarización e da instrución. “Un caso único o de Galicia, por certo, na historia das colectividades de emigrantes”, explican.
A comezos de maio terá lugar unha conferencia de Vicente Peña que pretende ser asemade explicativa da exposición e un espazo de reflexión sobre a educación na súa intersección coa cultura e a sociedade.
