As ciencias gañan os premios á excelencia lingüística da USC
Unha estudante de Bioloxía e un alumno da especialidade de Enxeñaría Informática da Escola Técnica Superior de Enxeñaría son os gañadores dos premios á excelencia lingüística da USC correspondentes ao curso 2010-2011. Na categoría de traballos de fin de grao ou proxectos de fin de carreira, o premio, cunha contía económica de 300 euros, foi para o traballo ‘Desenvolvemento dun sistema para a visualización web do tesouro do léxico patrimonial galego-portugués’, de César Osorio Peláez, mentres que a alumna Efigenia Penabad Penabad resultou premiada con 150 euros na categoría de traballos académicos por ‘Efecto da privación da luz no desenvolvemento da retina’. O xurado desta sétima edición, que tomou a decisión este mesmo martes, estivo formado polo director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala; a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; e María Cuquejo Enríquez, representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Os premios Os dous estudantes premiados hoxe xa gañaran no seu respectivo centro o premio á calidade lingüística que convocan dende hai sete anos as comisións de normalización de quince escolas e facultades de Santiago e Lugo. As persoas gañadoras nas dúas modalidades en cada un deses centros eran as que concorrían ao premio de excelencia que hoxe se dirimiu. A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.