Ir o contido principal

O CiMUS incorpora a senescencia celular como nova liña de investigación

O investigador Manuel Collado, no CiMUS. Foto: CiMUS
O investigador Manuel Collado, no CiMUS. Foto: CiMUS
Faino da man do seu novo investigador principal Manuel Collado, referente neste campo, cuxo grupo foi pioneiro no desenvolvemento dunha tecnoloxía prometedora para modificar patróns de envellecemento e enfermidades asociadas

O CiMUS da USC amplía as súas áreas de investigación cunha novidosa liña de estudo, a senescencia celular, e faino sumando ao equipo deste centro o novo investigador Manuel Collado, tras a formalización dun convenio entre o CSIC e a Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus obxectivos atópase avanzar no coñecemento das bases biolóxicas do envellecemento xa que isto permitirá actuar de maneira preventiva fronte ás enfermidades. A transversalidade desta área permitirá establecer sinerxías cos distintos grupos do CiMUS, sobre todo os vencellados aos estudos en cancro e métodos de Drug Discovery.

O grupo de investigación de Collado foi pioneiro en desenvolver unha tecnoloxía prometedora denominada reprogramación celular para modificar patróns de envellecemento e enfermidades asociadas. Consiste en rexuvenecer as células mediante unha estratexia que permite separar o efecto desdiferenciador da reprogramación do rexuvenecedor que tamén posúe.

“Experimentamos coa reprogramación parcial e as posibilidades que ofrece para tratar o envellecemento e moitas patoloxías, con resultados espectaculares nos que aínda estamos traballando pero que representan unha gran promesa en moitas áreas terapéuticas”, afirma.

O envellecemento, principal reto da investigación actual  
O envellecemento debilita e predispón ao desenvolvemento de patoloxías, agrávaas e fai menos efectivas as opcións terapéuticas. No último século conseguiuse aumentar a lonxevidade e máis persoas conseguen alcanzar idades avanzadas, o que supón que a poboación envellece. “Xuntar ambos factores leva consigo maior predisposición a enfermidades coa idade e a unha poboación máis envellecida, o que fai que o reto ao que nos enfrontemos sexa o dunha maior prevalencia de enfermidades asociadas ao envellecemento das que debemos ocuparnos”, comenta Collado.

“Avanzar no entendemento das bases biolóxicas do envellecemento é entender como enfermamos e tratar de retrasar ou paliar os seus efectos é actuar de maneira preventiva fronte ás enfermidades”, explica. Deste xeito, coñecer como contribúe o envellecemento a moitas enfermidades podería proporcionar oportunidades de intervención terapéuticas efectivas que diminúan a fraxilidade e dependencia que moitas veces acompañan a vellez. “O cancro é un bo exemplo xa que é esencialmente unha enfermidade do envellecemento. O factor de risco con maior impacto no desenvolvemento desta enfermidade é a idade. Maior incluso que factores nos que insistimos durante anos como fumar, o alcohol ou a radiación solar”, aclara Collado.

“Por iso, o estudo integral do envellecemento debería ser unha prioridade nas nosas sociedades. Así o entenderon a maioría de países avanzados e, non obstante, España, non parece apostar por esta investigación. Galicia posúe algunhas das rexións máis lonxevas do mundo e o estudo do envellecemento debería ser prioritario”, salienta o novo investigador deste Centro Singular.

Fármacos senolíticos 
O control da senescencia celular achegará enormes beneficios en distintas áreas terapéuticas. Actualmente o seu grupo conta con resultados satisfactorios en ratos nos que a través de fármacos viron xa eliminadas as células senescentes do seu organismo.  Estes resultados foron posibles tras identificar hai xa uns anos unha nova familia deste tipo de fármacos grazas á plataforma Innopharma de descubrimento de fármacos do CiMUS. “Iso ademais serviunos para aumentar a nosa busca de senolíticos e grazas á iniciativa europea Openscreen conseguimos identificar varias moléculas moi prometedoras que estamos investigando na actualidade”, apunta.

“En animais de experimentación é posible observar como os tratados con senolíticos chegan a idades avanzadas en mellor estado de saúde e con menor incidencia de enfermidades, o que sería un potencial uso preventivo do desenvolvemento xeral de enfermidades durante o envellecemento. Pero tamén se demostrou un beneficio cando os senolíticos se aplicaron a modelos de enfermidades concretas. Esta última vía é a que na actualidade se está explorando xa en humanos, mediante ensaios clínicos con pacientes de enfermidades concretas. De feito, estamos nos pasos iniciais da súa traslación”, explica. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2025.