Ir o contido principal

O CiMUS, recoñecido como Unidade de Excelencia María de Maeztu

Foto exterior do edificio do CiMUS. Foto: Santi Alvite
Foto exterior do edificio do CiMUS. Foto: Santi Alvite
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidade acaba de facer pública unha resolución provisoria co recoñecemento de centros e unidades de excelencia Severo Ochoa e María de Maeztu

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) vén de alcanzar o recoñecemento concedido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades como Unidade de Excelencia María de Maeztu, nunha resolución provisoria que concede 75,7 millóns de euros para recoñecer e financiar nove centros e oito unidades de excelencia que “destacan polo seu impacto científico e liderado internacional”, sinala o Ministerio.

O CiMUS uniríase deste xeito ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) quen revalidou esta concesión na convocatoria de 2023, logo de converterse no ano 2017 no primeiro instituto galego que a ostentaba. O selo como Unidade ‘María de Maeztu’ supón unha achega de 3 millóns de euros para un período de catro anos. Como sinala a resolución ministerial, a convocatoria “permite fortalecer a organización, a planificación estratéxica da investigación e o fomento das boas prácticas na xestión da investigación”. Igualmente persegue “o incremento da visibilidade dos centros e unidades de excelencia, a internacionalización, así como a atracción e contratación de talento investigador novo”.

Ademais deste novo selo, o CiMUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/2) que acredita a calidade e impacto da súa investigación e está subvencionado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e co financiado pola Unión Europea. Dende a súa posta en funcionamento, a misión do CiMUS consiste en realizar unha investigación de calidade contrastada en enfermidades crónicas, conectada á traslación e transferencia para que os doentes reciban de volta eficientemente as solucións terapéuticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2025.