O CiQUS da USC suma dous novos proxectos do ERC na convocatoria Consolidator Grant
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de obter dous novos proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC). As axudas, correspondentes á modalidade Consolidator Grant, concedéronselle a Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela, un recoñecemento que supón un logro excepcional para o impulso ás súas carreiras.
As ERC Consolidator Grants diríxense a persoal investigador en fase de consolidación, cunha traxectoria científica destacada e proxectos altamente innovadores. Constitúen unha das convocatorias máis competitivas de Europa: nesta edición recibíronse aproximadamente 3.121 solicitudes, das que 349 foron seleccionadas para financiamento (unha taxa de éxito do 11%). No caso da USC, os dous proxectos concedidos corresponden integramente ao CiQUS, o que reflicte o peso científico alcanzado polo centro a nivel europeo. Segundo destacou o propio ERC, esta foi unha das convocatorias máis competitivas rexistradas, cunha demanda sen precedentes e “moitos proxectos excelentes que non puideron ser financiados”.
ChiroPore, o proxecto liderado por Julián Bergueiro, propón unha aproximación innovadora para lograr o transporte selectivo de moléculas a través de membranas, un desafío clave en biotecnoloxía e química supramolecular. O proxecto inspírase nos mecanismos naturais de recoñecemento molecular e formula un sistema tipo “chave e pechadura” baseado en estruturas helicoidais capaces de diferenciar moléculas con alta precisión. Esta estratexia permitirá deseñar poros sintéticos con funcións avanzadas, abrindo nevas posibilidades para a entrega controlada de fármacos, o desenvolvemento de biosensores ou a comunicación celular.
“Buscamos desenvolver o primeiro sistema artificial que controle dunha maneira selectiva o paso de macromoléculas a través da membrana celular”, explica Bergueiro, un avance que permitiría “desde controlar de xeito preciso o transporte de biomoléculas grandes ao interior celular —con impacto en aplicacións biomédicas como a terapia xénica— ata posibilitar o deseño de novos modos de comunicación celular”. Para o investigador, a obtención dunha ERC Consolidator supón a oportunidade de impulsar un proxecto cunha ambición que non podería abordarse con outros mecanismos de financiamento e de consolidar definitivamente o seu laboratorio na escena internacional.
Pola súa parte, OBSERVER, o proxecto liderado por Sara Abalde-Cela, propón estudar a comunicación célula–célula como un proceso dinámico e multinivel, superando as limitacións das técnicas actuais. O proxecto desenvolverá unha plataforma optofluídica para coencapsular células de cancro e células inmunes a nivel célula individual, monitorizar as súas interaccións en tempo real e analizar despois a súa expresión xénica. Esta tecnoloxía permitirá explorar con maior profundidade procesos complexos relacionados coa metástase e abrirá novas vías en microfluídica, nanobiosensores e análise avanzada de datos.
“O meu obxectivo é desenvolver tecnoloxías capaces de capturar distintos tipos de interaccións entre células de forma simultánea e vencellalas co seu destino. Só así poderemos comprender como se desregula a comunicación en procesos como o cancro e abrir a porta a identificar novas vulnerabilidades clínicas”, explica Abalde-Cela. “Se conseguimos predicir, por exemplo, se un paciente responderá ou non a unha terapia inmune estaremos un paso máis cerca de estratexias terapéuticas verdadeiramente personalizadas”.
Para a investigadora, esta ERC Consolidator Grant representa un punto de inflexión: a posibilidade de dar o seguinte paso nunha liña de traballo que construíu durante a última década, con liberdade científica real e un impacto potencial en biomedicina que —salienta— a emociona especialmente.
Os dous investigadores contan con traxectorias internacionais sólidas. Julián Bergueiro, doutor pola USC, desenvolveu a súa investigación posdoutoral na Freie Universität Berlin e na Universidade de Tokio, antes de incorporarse ao CiQUS cunha axuda Juan de la Cierva e, posteriormente, cun contrato Ramón y Cajal. O seu traballo actual céntrase no deseño de polímeros helicoidais e péptidos con control topolóxico para aplicacións biomédicas. Sara Abalde-Cela, doutora pola Universidade de Vigo, desenvolveu a súa carrera en institucións como a Universidade de Cambridge (Reino Unido) ou o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) de Portugal. Actualmente é investigadora principal no grupo de Medical Devices do INL e compaxina o seu labor investigador coa súa actividade emprendedora como co fundadora e CTO da empresa RUBYnanomed, un referente en diagnóstico líquido.
17 proxectos do CiQUS, financiados polo ERC
Con estas novas concesións, o CiQUS suma xa 17 proxectos financiados polo ERC, distribuídos entre 12 investigadoras e investigadores do centro que recibiron o apoio do programa nas súas diferentes modalidades (Starting, Consolidator, Advanced, Synergy e Proof of Concept). Ademais de reforzar a posición do CiQUS no panorama científico español e europeo, este fito impulsa a capacidade do centro para atraer talento e favorecer a xeración de emprego investigador de calidade. O CiQUS forma parte da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS) e recibe apoio da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021–2027.
A obtención destes dous novos proxectos do ERC reforza a posición do CiQUS como polo de excelencia científica en Galicia e Europa, contribuíndo ao avance do coñecemento fundamental e ao desenvolvemento de novas tecnoloxías con potencial impacto biomédico, químico e biotecnolóxico.