O CiTIUS inaugura unha serie de desafíos tecnolóxicos para estudantes USC
Un reto para programadores abrirá o novo programa de desafíos tecnolóxicos que o CiTIUS porá en marcha a partir deste xoves. Con esta iniciativa, dirixida a estudantes de grao da Universidade de Santiago, o centro pretende dinamizar o papel das Tecnoloxías da Información no ámbito da comunidade universitaria, incentivando entre o alumnado o desenvolvemento das súas aptitudes no eido TI coa presentación dunha serie de retos tecnolóxicos que deberán resolver. O primeiro destes encontros constará de dúas partes: unha de programación tradicional (secuencial) e outra de programación paralela. O reto será de carácter presencial e terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) este xoves 27 a partir das 11.00 horas. Os concursantes poderán optar ao premio participando en calquera das dúas categorías, aínda que na puntuación final se contabilizará a suma de ambas. Na primeira parte, o obxectivo será implementar os algoritmos apropiados para dar resposta a dous problemas reais que se formularán previamente, mentres que na segunda proba os concursantes disporán duns códigos secuenciais que solucionan dous problemas formulados de antemán. O obxectivo é utilizar técnicas de paralelización para obter a solución a cada un deles no menor tempo posible, usando varios procesadores de forma simultánea. As persoas que decidan participar deberán facelo en equipos de dúas persoas e a puntuación será maior canto menos tempo se precise para obter a resposta correcta ao problema. A solución adoptada poderá ser totalmente libre, coa única limitación de estar programada nas linguaxes permitidas na proba. A parella gañadora obterá unha viaxe a Barcelona para visitar o Barcelona Supercomputing Center, incluíndo billetes de ida e volta en avión, dúas noites de hotel e a visita guiada.
Como explican os promotores do evento, a programación paralela deixou de ser algo exclusivo de empresas especializadas e grandes centros de computación, para incorporarse progresivamente ao día a día en forma de procesadores multi-core en ordenadores de sobremesa, portátiles, tablets e smartphones. En 2013 un móbil de última xeración contaba xa coa mesma capacidade de cálculo da que dispoñía un dos 500 supercomputadores máis potentes do mundo hai tan só vinte e cinco anos.