Ir o contido principal

Claudio Rodríguez Fer, Premio Babel de Literatura 2025

Rodríguez Fer é da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela
Rodríguez Fer é da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Texas outorgoulle este galardón pola “calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo” no campo literario
Lugo

O profesor da USC na Facultade de Humanidades e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, alén de poeta, narrador, ensaísta e tradutor,  Claudio Rodríguez Fer, acaba de ser galardoando co Premio Babel de Literatura 2025 que outorga a Universidade de Texas pola “calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo” no campo literario. O premio, que se entrega anualmente, “honra a persoas que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas”.

Mundus Artium Press, entidade radicada na Universidade de Texas en Dallas, concedeu o este recoñecemento a Rodríguez Fer, profesor visitante en diversas universidades de Estados Unidos e de Europa, cuxos “recoñecementos inclúen o Premio Nacional da Crítica de España e o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes”. A eles poden engadirse distincións tan diversas como a da Medalla Eminescu en Romanía ou a de Cunqueiriano de Honra en Galicia.

“Defensor da paz e dos dereitos humanos, Rodríguez Fer influíu no discurso literario global a través da súa poesía, estudos e publicacións multilingües. O Premio Babel recoñece os seus logros ao longo da súa vida para superar as divisións lingüísticas e culturais”, sinalou o comité internacional que outorga o premio.  Claudio Rodríguez Fer, “voz destacada da literatura de vangarda”, tal e como destaca o devandito Comité, é un escritor galego traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, ruso, árabe, bretón, ou esperanto, entre outros) e o seu poema ‘A cabeleira’ está traducido a máis de oitenta idiomas dos cinco continentes, sendo por tanto o texto con máis versións da historia da literatura galega.  

O Premio Babel de Literatura recoñece a persoas cuxo labor literario inverte o antigo símbolo da Torre de Babel, que simbolizaba o esforzo humano condenado ao illamento lingüístico e moral. Por isto premia aos e ás escritoras que nas súas vidas e nas súas obras se valen da forza da tradución literaria como medio de superación do solipsismo persoal e social en beneficio de valores profundos de maior alcance, como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e o entendemento xeral entre os pobos e as persoas. É a primeira vez que tal distinción recae en España, pois anteriormente foron galardoados escritores de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2025.