Claudio Rodríguez Fer presenta en Bretaña a antoloxía poética ‘Os amores profundos’ traducida ao francés
O poeta e profesor na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC Claudio Rodríguez Fer presenta en catro cidades francesas de Bretaña: Lorient, Saint-Malo, Rennes e Brest, a antoloxía poética ‘Os amores profundos’, un volume traducido ao francés no que compila numerosos poemas escritos durante a súas estadías en Bretaña (onde exerceu como profesor visitante na universidades de Rennes e de Lorient), así como noutros lugares de Francia, como París, Provenza, Aquitania ou Normandía.
A primeira presentación desta antoloxía xenérica da poética de Rodríguez Fer terá lugar este mércores 4 de maio na Universidade Bretaña Sur de Lorient, onde o poeta lugués, xunto coa editora da obra e a profesora Inmaculada Fàbregas, participarán nunha sesión con alumnos, que recitarán en francés algúns dos poemas recollidos en ‘Les amours profonds’. Dous días máis tarde, a historiadora Gabrielle Garcia presentará, tamén acompañada do autor, a poética de Rodríguez Fer nun auditorio da mediateca La Grande Passerelle de Saint-Malo. A obra ‘Les amour profonds’ tamén chegará en xuño a dúas librerías de Rennes e Brest. Esta antoloxía poética de Rodríguez Fer está estruturada en varias seccións. Así, mentras ‘ Brigitte Rimbaud’ e ‘Viaxes a ti’ presentan unha temática predominantemente amorosa, a titulada ‘ Memorias e resistencias’ contén poemas civís e memorialistas, incluído o ata agora inédito en libro “Arsenal da barbarie”, inspirado polos exiliados españois que foron escravizados e mesmo asasinados polos nazis en Bretaña durante a súa ocupación de Francia.
A edición e a introdución de ‘ Les amours profonds’ son obra da investigadora e ensaísta María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña, e conta con versións dela mesma e de tres tradutores franceses: a tamén galicista Annick Boilève-Guerlet, a hispanista Michéle Lefort e o galicianista Claude Henri Poullain. O libro publicouno a Editorial Follas Novas e conta cunha ilustración en espiral na cuberta da artista galega Sara Lamas.