O Claustro somete a aprobación as liñas xerais do orzamento para 2010
O Claustro universitario someterá a votación as Liñas Xerais do Orzamento 2010 este xoves 4 nunha xuntanza extraordinaria que se vai celebrar a partir das 9:30 horas no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría.
O marco orzamentario que estas liñas xerais presentan busca dar resposta á Planificación Plurianual 2007-2010, aprobada polo Claustro Universitario, e ás necesidades previstas para o actual exercicio e “supón unha garantía para transitar dun modo razoable e ben organizado” cara a un novo plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG), “agora xa absolutamente imprescindible” recolle o documento que debaterá o Claustro este xoves.
A redución dos recursos dispoñibles para 2010 no marco do financiamento do SUG imposibilitou inicialmente a elaboración dun orzamento da USC equilibrado ao existir unha falta de correlación entre os recursos achegados e as necesidades derivadas da estrutura e perfil da universidade compostelá. A negociación desenvolvida co goberno da comunidade para dar resposta a esta situación demorou a presentación destas liñas xerais ao Claustro, presentándose agora fóra do prazo habitual.