Clausura do Máster en Arte, Museoloxía e Críticas Contemporáneas
O Máster en Arte, Museoloxía e Críticas Contemporáneas da USC clausúrase este venres a partir das 18:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia).
Ao acto asisten a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero; o vicedecano do centro, Miguel Taín; o director do Departamento de Historia da Arte, Juan Monterroso; a directora do Máster, María Luísa Sobrino; ademais do responsable do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua da USC, José Luís Falguera. Tamén participan representantes da Fundación FEIMA e do Centro Galego de Arte Contemporánea.
O Máster en Arte, Museoloxía e Críticas Contemporáneas tivo como obxectivo facilitar aos alumnos unha maior cualificación para optar aos postos de traballo relacionados cos museos, galerías ou institucións dedicadas á arte contemporánea. Ademais, pretendeu preparar aos futuros críticos de arte e mellorar o nivel sobre este eido tanto na prensa xeral como na especializada.