O coloquio ‘Augusto e a transformación do noreste en Hispania’ cita desde o luns a 17 relatores internacionais en Humanidades
O coloquio internacional ‘Clausus est Ianus: Augusto e a transformación do noroeste de Hispania’, citará do 21 ao 23 de xullo na Facultade de Humanidades do campus de Lugo 17 investigadores pertencentes a dez universidades de Francia, España e Portugal.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo e profesora na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, presidirá a apertura oficial deste coloquio internacional o luns, día 21 de xullo, a partir das 13.30 horas, no marco dun acto de inauguración no que tamén participarán o deputado delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación provincial de Lugo; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e os profesores organizadores deste seminario, Dolores Dopico e Manuel Villanueva. As transformacións territoriais, agrarias, económicas, ideolóxicas e potestativas experimentadas no imperio romano durante os 40 anos que se prolongou o goberno de Augusto, un período que coincidiu coa culminación do imperio romano logo de completar o secular proceso de conquista da península Ibérica coa incorporación dos territorios cántabros, Asturias e Galicia, constitúen o eixo temático de boa parte dos relatorios incluídos no programa deste foro monográfico, que se estrutura en 30 horas. A codirectora deste curso conmemorativo do bimilenario da morte do emperador Augusto, a profesora do Departamento de Historia I da USC María Dolores Dopico Caínzos, cualificou de “ interesante e moi ambicioso” o programa deseñado pola Facultade de Humanidades, en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo e a Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, para lembrar tal efeméride. Dopico cre asemade este foro representa unha moi boa oportunidade para que “relatores e alumnos/as poidan descubrir e coñecer o potencial de museos dunha cidade romana como Lugo”. Esta profesora da USC salienta asemade que outro dos obxectivos que persegue a celebración en Lugo deste programa de marcada orientación académica e científica, é, ademais de contribuír a afondar no coñecemento da cidade de Lugo e da súa historia, o de alentar aos propios cidadáns de Lugo a valorizar na súa xusta medida a riqueza histórica e o patrimonio da cidade, porque “parece que esta realidade é moito mellor considerada pola xente de fóra que pola propia sociedade luguesa”.